
Ourense | O Concello de Ourense celebrará este domingo, día 22 de marzo a tradicional festividade de San Lázaro cunha alborada ás 11.45 horas, con gaiteiros e cabezudos polas rúas do Paseo, Santo Domingo e Parque de San Lázaro, e a tradicional Queima das Madamitas, ás 13.00 horas, a cargo da Pirotecnia Josman, fronte á Subdelegación do Goberno.
Previamente, a Corporación municipal asistirá á misa na honra de San Lázaro que terá lugar ás 11.00 horas na igrexa parroquial de Santo Domingo e participará despois na procesión de San Lázaro, que sairá da igrexa de Santo Domingo e avanzará pola rúa Santo Domingo, o parque de San Lázaro e a rúa Xaquín Lorenzo, ata a igrexa dos Franciscanos.
Xa estes días están instalados arredor do Parque de San Lázaro os tradicionais postos de rosquillas, lambetadas, abelás e produtos típicos destas festas.
Tráfico
A Policía Local do Concello de Ourense informa que as actividades de celebración da Festa de San Lázaro requirirán pechar ao tráfico rodado as rúas Curros Enríquez, Xoán XXIII e o Parque de San Lázaro, este domingo, 22 de marzo, desde as 10.45 horas.
Para garantir a fluidez da circulación de vehículos, dispóñense tres itinerarios alternativos: O tráfico derivado de Progreso continuará por Ervedelo. O tráfico procedente da rúa Concello, polo tramo inferior de Xoán XXIII. O tráfico procedente da avenida da Habana continuará a súa marcha por sentido descendente, en dirección á rúa do Progreso.
Respecto ao transporte colectivo, garantirase a operatividade dos autobuses urbanos mediante a habilitación dun dobre sentido de circulación tras da Subdelegación do Goberno. O punto de parada trasladarase á intersección de Curros Enríquez coa Avenida da Habana para asegurar a conectividade peonil e a seguridade das persoas usuarias.




