Os socialistas piden un busto do escritor Carlos Casares, fillo predilecto de Ourense

Con motivo do vixésimo aniversario do seu pasamento

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense impulsa que se faga un recoñecemento público do ilustre escritor ourensán Carlos Casares Mouriño, con motivo do vixésimo aniversario do seu falecemento. Os socialistas defenderá unha moción no pleno deste venres no que instan ao Concello á colocación do busto encargado ao escultor, Manuel Buciños, nas proximidades do centro cultural José Ángel Valente, ao considerar que é o lugar “idóneo” para o homenaxe da cidade de Ourense a Casares.

O grupo municipal socialista tamén lle piden ao goberno municipal que anualmente e durante o mes de marzo, coincidindo co mes do finamento do escritor, se realiza unha exposición en calquera dos espazos expositivos de titularidade municipal, en colaboración coa Fundación Casares para, deste xeito, “dar a coñecer a obra e a figura literaria de Carlos Casares”. Os socialistas tamén piden que se habilite unha partida para a doazón de libros as crianzas e mocidade do municipio, co obxectivo de “fomentar a lectura e o coñecemento do legado do escritor ourensán”.

Os socialistas tamén instan a que se recoñeza a contorna da igrexa de Beiro, ou o propio núcleo poboacional, co nome do ilustre escritor, xa que tal e como argumentan “había unha estreita relación entre Carlos Casares e esta zona da cidade, onde pasou varios períodos estivais da súa infancia”.

O grupo socialista sostén que “non se pode pechar o recoñecemento ao escritor só cunha ruta literaria, na que se rastrexa os pasos do autor e a súa obra por distintos espazos da cidade, senón que hai que apostar por darlle maior difusión a esta figura literaria, clave, na historia da cidade de Ourense”.

A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Rosa Martínez Rodríguez, apunta que o 9 de marzo “cumpríronse 20 anos do falecemento de Casares”, motivo polo que explica que “tanto a cidade como os grupos políticos debemos darlle un mellor recoñecemento a súa figura”. Neste senso, a edil socialista apunta a que “un dos poucos recoñecementos feitos ata o de agora foi a apertura dun expediente de honra en 2003, que se pechou como moitos outros expedientes neste concello sen resolverse nada”.

A isto sumouse o nomeamento de Carlos Casares como fillo predilecto da cidade no ano 2017, coincidindo coa dedicación ao escritor do Día das Letras Galegas, na que tal e como afirma a concelleira “só se lle entregou ao seu fillo un pergamiño e colocouse unha placa-busto na praza Bispo Cesáreo”.

Martínez Rodríguez tamén indica que “creemos que a figura de Carlos Casares é moi importante, porque foi pioneiro da Lei de Normalización Lingüística de Galicia e o precursor e o que máis traballou para a creación da Televisión de Galicia”.

Por este motivo, a edil socialista considera que “merece un mellor recoñecemento” e apunta a que “como pioneiro tamén na literatura infantil en galego, debemos difundir a súa figura, máis do que ata agora se fixo”.