O Carballiño | O sábado día 19 de xullo entregaránse os Premios Insua dos Poetas no acto de celebración da XVII edición da Festa da Palabra que organiza os escritor Luís Tosar na Esgueva, parroquia de Madarnás, no Carballiño. O acto incluirá unha homenaxe a Castelao.
O escritor César Lorenzo Gil, coñecido como César Cequeliños, gaña o Premio Literario “principamente polo seu importante labor crítico a través do blog Os Biosbardos”. destaca a organización dos premios nun comunicado.
O Premio Lingua Galega nos Medios de Comunicación recae na xornalista, política e escritora en lingua galega María Xosé Porteiro “pola súa dilatada traxectoria a prol da lingua galega nos medios de comunicación”.
O xurado outorga o Premio Defensa e impulso da Cultura e da Lingua á Editorial Galaxia “nos seus 75 anos ininterrompida defensa da nosa identidade como pobo, e como referente imprescindible para Galicia”.
O Premio a un colectivo destacado pola galeguización é para a Irmandade Sanitaria Galega, polo “afortalecemento do galeguismo e do humanismo e pola súa dignificación da lingua propia nas relacións cos pacentes”.
O xurado concede o Premio defensa do medioambiente ao CEIP Plurilingüe Curros Enríquez de Celanova, e o Premio ámbito audiovisual en galego ao Cine Club Padre Feijóo, de Ourense.
O Premio Lingua e Cultura Galega na Emigración é para Ramón Aguiño López, nado no Grove en 1944. Foise á Arxentina, coa súa nai e a súa irmá, para reencontrarse co seu pai e participou sempre en todas as iniciativas culturais promovidas polos colectivos de emigrantes galegos naquel país. Na foto a festa da Palabra nunha edición anterior.