
Ourense | Os comerciantes da Praza de Abastos número 1 de Ourense non presentaron en prazo o proxecto que lles requiriu o Concello para trasladar os seus postos, actualmente instalados na Alameda, ao edificio recentemente rehabilitado. O Concello resolverá nos próximos días o expediente, no que todo indica que se procederá ao desafiuzamento dos comerciantes da Alameda e á rescisión da concesión da xestión da Praza.
“O prazo rematou e os praceiros non presentaron o proxecto. Isto ratifica as nosas sospeitas de que o único que buscan é unha dilación no tempo: non facer nada e seguir na Alameda”, manifestou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que explicou que os servizos xurídicos municipais continuarán coa tramitación do expediente, que podería dar lugar a un desafiuzamento dos comerciantes da Alameda, estimado nun prazo de 30 a 60 días.
Pérez Jácome avanzou que o seguinte paso será “a toma de decisión baseada en argumentos legais. Todo indica que se incumpriu o convenio e que iso dá lugar a unha resolución do contrato e ao desafiuzamento da Alameda”, sinalou. De confirmarse esta resolución, o Concello procedería a licitar a xestión da Praza de Abastos para ocupar o edificio reformado.
O alcalde entende que a pretensión dos comerciantes é “estar toda a vida na Alameda”, e revelou que “a última oferta que nos fixo a Xunta de Galicia, a través do conselleiro de comercio José González Vázquez, é que a Xunta pagaría a maior parte dos custos da construción dos stands, pero a cambio de estender o tempo do contrato dos praceiros, ‘pola cara'”. “Algo de dubidosa legalidade”, apreciou Gonzalo Jácome, quen advirtiu que “se esa manobra que propón a Xunta de Galicia, (estender a concesión pola cara) a fixese o alcalde cunha concesionaria, o PP xa estaría denunciándoo no xulgado”.
Detallou tamén que “a escusa, sen cuantificar, é que se os praceiros tivesen que pagar algo, tiveran máis tempo de contrato como compensación. Algo ademais improcedente xa que xa tiveron 7 anos de prórroga máis dende o 2018, que lles deu tamén o goberno do PP. É unha manobra para ter unha nova concesión sen licitar”, advirte o alcalde.
Acordo de Xunta de Goberno Local e auto do Xulgado
O Concello de Ourense, por acordo da Xunta de Goberno Local do día 10 de abril concedeulles aos praceiros un prazo de tres meses para presentar o proxecto de adaptación do espazo interior do edificio, recentemente rehabilitado, para trasladar a el os postos actualmente instalados na Alameda.
O proxecto debería ser aprobado polo Concello. No caso de detectarse eivas, estas deberían corrixirse nun máximo de dous meses e, unha vez aprobado, o proxecto debería executarse nun prazo máximo de seis meses.
A asociación de comerciantes recorreu este acordo e solicitou a súa suspensión cautelar. O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense ditou en setembro un auto favorable ao Concello, no que denegaba a adopción das ditas medidas cautelares.




