Os nosos paxaros: O Cuco

Cuco Común
O cuco é un paxaro de tamaño mediano cun rabo longo e ancho e coas ás apuntadas. A súa cor é cincenta agás o peito e a barriga que son abrancazados con finas listas grisáceas. O seu rabo é tamén de cor cincenta bordeado por unha lista branca. As femias son parecidas aos machos pero cun toque máis tirando a pardo. Entre as femias aparece unha variedade ou forma parda moito máis listada na cabeza, corpo e rabo. Ámbolos dous sexos teñen o iris, a anel orbital, a base do pico e as patas de color amarela. As crías presentan un aspecto variable, poden ser pardos ou cincentos, máis ou menos listados, pero todos se recoñecen pola presencia dunha mancha branca na caluga e por presentar nas plumas do dorso unha estreita marxe de cor branca. Cando o cuco está pousado podemos identificalo por ter as ás caídas e o rabo un pouco levantado. Ten un voo distinto ao dos outros paxaros que se distingue polo seu aleteo regular sen apenas planear e polo xeito que ten de bater as ás, arqueándoas cara abaixo.
Vive nunha grande diversidade de lugares do rural, tanto cerca do mar coma no interior. Aquí, en Galicia, podémos atopalo en áreas que posúan árbores ou matagueiras, e polo xeral en tódolos terreos arborados onde existan grande cantidade de insectos.
O cuco é unha ave de cría parásita, é dicir, non constrúe niño, senón que pon un ovo no niño doutra especie. Os niños dos paxaros onde poñen o seu ovo poden ser moi variados: de carrizos, papuxas, paporrubios, rolas, merlos, bubelas, etcétera, pero normalmente cada femia de cuco especialízase unha especie en concreto ata o extremo de poñer os ovos coas cores semellantes á da variedade que lle interesa. Unha vez que o polo do cuco rompe a casca, guinda do niño aos seus irmáns adoptivos e faise o dono indiscutible del. O polo do cuco está tan adaptado a esta relación, que ata imita o son dunha niñada enteira de paxaros solicitando alimento desde o niño, polo que os pais, normalmente moito máis pequenos, asumen a tarefa de criar a este insaciable xigante coa mesma entrega coa que criarían a súa propia niñada.
Seguramente moitos de nós aínda que nunca miramos un cuco, estamos seguros da súa existencia polo seu característico canto. O canto é o mellor carácter diagnóstico da súa presencia; de feito o seu nome científico, e o vulgar na maioría dos idiomas, é unha onomatopea do seu son: cu-cu.
O canto do macho consiste nunha secuencia rítmica de dúas notas, a primeira un pouco máis marcada, cuu-cu, que empeza a escoitarse a principios de abril, aínda que hai anos que se escoita xa en marzo, e deixa de facelo a finais de xullo ou principios de agosto. Ás veces, cando o macho está excitado pode emitir un canto de tres notas semellante ao da bubela.
Normalmente escóitase primeiro na ribeira do mar alá por finais de marzo e chega ao interior de Galicia a principios ou mediados de abril. A mellor hora do día é pola tarde, e se o tempo é calmo e sen chuvia moito mellor, con isto non quere dicir que non cante pola mañá ou cando chove, pero é moito menos habitual. Por veces, segundo os anos e a climatoloxía, o cuco seguirá cantando, incluso con máis intensidade que ao principio, ata ben entrado o verán.
Pola nosas comarcas e por Galicia enteira a presencia do cuco está intimamente xunguida aos ciclos e tarefas agrícolas tendo o seu canto aspectos relativos aos seus agoiros con respecto o paso do tempo. Se non se escoita o cuco entre marzo e abril pode ser sinal de que é o fin do mundo, e si se retrasa en vir, anuncia males. Pódese saber cantos anos lle quedan a un de vida preguntándollo ao cuco, pola maña, estando en xaxún, dicíndolle: “Cuco rei, ¿cantos anos vivirei?”, e tantas veces como cante seguido: cu-cu, tantos anos son. Do mesmo xeito pode saber unha moza cantos anos lle faltan para se casar.
Polas súas habilidades de cría é moi común en Galicia e España chamar cuco a aquela persoa astuta que consigue o que se propón co mínimo esforzo. En Galicia é moi coñecido o dito:”son da opinión do cuco, paxaro que nunca aniña, pon un ovo en niño alleo e outro paxaro llo cría”.
Reloxo de cuco
O canto é tamén unha sinal para algunhas labouras agrícolas:

“Cando chega o cuco vén o pan ao suco”.

Outro que di :

“Tantos días para o cuco de cucar, tantos días paran os seitores de segar”, fai referencia a que cando chove, o cuco deixa de cantar, e como o centeo non se pode recoller mollado, interrómpese a sega durante uns días.

Por aquí, pola ribeira do Miño, é moi coñocida a frase:

“Lamprea cucada non vale para nada”, que se refire que a partir do canto do cuco as lampreas poñense moles e non valen para comer.

Un paxaro singular coma este, tan vinculado á vida labrega, deu lugar a que sobre el se fixeran adiviñas, como esta;

“¿Cal é o paxaro, que nunca aniña e poñendo en niño alleo, outro paxaro llo cría?”; refráns como: “Muller que do cuco fiou, ou era moi burra ou cucar desexóu” ou tamén, por exemplo, este dito: “O cuco que non cucou polo remate de abril, é sinal de que morreu, ou que secou, ou que non o deixan vir”.

En canto as cancións hai unha que di:

“Eu ben vin estar o cuco
na pola dun castiñeiro
cunha subela na man
aprendendo a zapateiro”.

Peo realmente a canción do cuco máis coñecida, cantada e espallada foi a que compuxo e fixo popular o cantoautor galego Suso Vaamonde que é como sigue:

“O cuco, cuco, cuqueiro
o cuco, cuco, cucón.
Madrugón e cantareiro
cantareiro e madrugón.

Oise pola carballeira
ó vello cuco souril
ó nacer a primaveira
antre o Marzo i o Abril.

O cuco, cuco, cuqueiro
o cuco, cuco, cucón.
Madrugón e cantareiro
cantareiro e madrugón.

¡O vello cuco cucou
e moito máis cucará!
¡O cuco non me capou
e nunca me capará!

O cuco, cuco, cuqueiro
o cuco, cuco, cucón.
Madrugón e cantareiro
cantareiro e madrugón.

Polas mañás ben cediño
o cuco canta: cu- cu.
¡Como o teño por veciño
eu trato o cuco de tu!”

Non quero deixar en esquecemento os chamados reloxos de cuco.que son popularmente coñecidos no mundo enteiro. De orixe suízo ou tiroles, é un tipo de reloxo que se caracteriza por ter unha ventaiña por la que, cada media hora, sae un paxaro autómata que emite un canto semellante ao do cuco. Así, por cada hora que marca reproduce o cu-cu as veces necesarias. O mecanismo para producir ese sonido foi instalado na maioría dos reloxos de cuco no século XVIII e ten permanecido ata o día de hoxe case sen modificacións.