“Os nomes non importan cando xogas coas sensacións”

Miguel Sande | Xornalista, autor da novela 'O Negociador'

Miguel Sande é o autor da novela O Negociador, un libro dividido en catro historias vividas desde o interior dos seus protagonistas dos que só coñeceremos as súas impresións mentres transcorren os feitos. Non coñeceremos os seus nomes, non saberemos nada deles, mais o deseño da trama iranos introducindo nuns feitos que foron reais e que aínda hoxe reaparecen na memoria colectiva, o secuestro máis longo de ETA. Miguel Sande é xornalista de profesión e fóra do xornalismo ten publicado poesía, narrativa e ten escrito obras teatrais, quedando finalista cunha delas no Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca en 1984, convocado polo Instituto das Artes Escénicas, do Ministerio de Cultura.

O teu libro O negociador está baseado nuns feitos reais acontecidos hai xa décadas. Como coñeciches o protragonista da túa novela?
O relato ten como base un secuestro real que non é o centro da trama e a novela está dividida en catro historias. Hai un protagonista en cada historia e cada unha delas vese como cada un foi desenvolvendo a súa vida despois do feito principal. O protagonista é unha persoa real especialista na resolución de conflitos e coñecino precisamente nun curso sobre resolución de conflitos laborais. Dedicouse á resolución de conflitos en centros penitenciarios e foi contratado por sindicatos de funcionarios de prisións. É un profesional neste campo, non é un político. Isto é importante porque me axudou a elaborar a novela pois o negociador non xulga a ninguén, é obxectivo. Ten diante un conflicto que tenta non xulgar nada.

Contactaches con persoas que colaboraran con este negociador?
Si, houbo contacto polas dúas partes. Dicíache que a novela está dividida en catro historias e o negociador protagoniza a primeira. A novela en si é un xogo de sensacións e perspectivas. Sensacións íntimas porque non hai nomes en ningún momento, porque poñerlle nomes sería como darlle data de caducidade e iso restaríalle interese. A novela está escrita desde a perspectiva de hoxe, case trinta anos despois dos acontecementos reais, e o feito de xogar coas sensacións que garda este home, esas sensacións manteranse sempre vivas. Xogo coas perspetivas dunha banda e doutra, porque a verdade non hai só unha cara, hai moitas caras segundo a perespectiva desde onde te sitúes.

“A vida é un labirinto complexo, ás veces damos coa saída e outras veces non. Ese é o xogo da novela”

En relación aos contactos, un deles é un personaxe secundario na primeira historia e pola contra, na segunda é o protagonista, de aí o xogo de perspectivas. Este último despois é programador informático que acaba traballando para un fondo de investimento. A vida é un labirinto complexo, ás veces damos coa saída e outras veces non. Ese é o xogo da novela. A terceira parte son os mesmos protagonistas mais vinte e cinco anos despois. A última parte é unha performance teatral onde participan xeracións posteriores, fillos desas persoas. Se fago un resumo, é un xogo de sensacións e perspectivas.

Como consegues poñerlle rostro a un personaxe sen nome nun texto escrito?
Xa se fixeron novelas así. Non todas as historias están narradas desde a primeira persoa, por exemplo a terceira historia é narrada en terceira persoa. Cando partes do persoal mais xogas coas sensacións é moi doado. Esas sensacións están para que os demais se identifiquen con elas e as fagan propias. Os nomes non importan cando xogas coas sensacións. Se xogas con feitos narrados con descricións, entón si, case necesitas nomes, mais se só son sensacións, non é tan importante. Traballei coas sensacións porque as negociacións, os acordos políticos e demais están moi tratados. Entón a min interesábame a parte máis literaria, as sensacións, aquelas partes que non aparecen nos documentos, eses puntos aparentemente menores, quixen recollelos. Tiven a sorte de que mos contasen en primeira persoa.

Durante a túa recollida de datos e no proceso de escritura apareceron datos descoñecidos polo grande público?
Ao mellor os contactos que non se recollen no momento e si se rexistran na novela sen nomes. Mais como se ten chegado á negociación non se explica. O protagonista da segunda historia é un dos contactos que aparecen na primeira parte e canda el unha muller nun motel onde comezan as primeiras conversas, logo aparece un frade dun coñecido santuario vasco. É un intento por recoller todos estes puntos mentres que outras persoas se centran en aspectos como as negociacións, aquilo que coñecemos todos.

O protagonista da primeira parte, o negociador, continúa en activo?
Penso que si. Durante moito tempo despois continuou dedicándose a resolver secuestros, mesmo secuestros exprés. É un home peculiar, vive nun lugar illado e ten unha vida de película.

É moi difícil contactar, nunca apareceu en prensa. Só falei con el durante o curso, mais logo pasaron anos detrás del e non conseguín nada até que a base de ser presado, supoño, conseguín arrincarlle frase a frase por correos electrónicos, nunca por teléfono. Pouco a pouco foi contando e de aí saquei as sensacións que lle quedaban aínda daqueles días.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.