Xosé-Bieito Coello Coello | Outro ano máis sufrindo os terribles lumes, e outro ano máis xustificándoos só cos incendiarios, que os hai. Algo melloramos, xa non lle botamos a culpa ós do Bloque, como na época de Fraga.
Incendiarios, -é sorprendente os poucos que hai na cadea-, tolos, descoidos, causas fortuítas, raios, sempre os haberá, mais o problema segue igual, e para solucionalo hai que cambiar de raíz a política rural. Se non se valoriza o chan agrícola e forestal e se sigue abandonando, non ten solución. E sobre todo con este cambio climático, que algúns aínda negan.
“Incendiarios (…) sempre os haberá, mais o problema segue igual, e para solucionalo hai que cambiar de raíz a política rural”
Un exemplo clarificador: fai uns oito anos ardeu unha zona moi extensa na cara norte da Cabeza da Meda na Ribeira Sacra Ourensá, e apagouse porque empezou a chover e tamén, hai que dicilo, pola actuación case heroica duns veciños dos pobos que cos seus tractores e cubas, botáronlle valor, e case o pararon preto das casas antes de que empezara a chover e chegaran os reforzos de outros lados, máis puido ser terrible. O único que se salvou practicamente dentro da gran extensión queimada, foi un prado con vacas, era incrible seguir vendo aquilo verde dentro da negrura do queimado. A conclusión é que o cultivado non arde tan fácil.
E dende aquela que se fixo nese chan queimado?. Nada de nada, e moito se pode facer, polo que, tardará máis ou menos tempo, mais sabemos que nesa zona, coa maleza que xa ten, volverá a arder. Agardemos que daquela non leve por diante tamén ós pobos de Requián, Teimende, Parada de Sil, Caxide, etc. e despois para xustificalo botémoslle outra vez a culpa ós incendiarios e xa quedemos tranquilos.