
Sanxenxo | O sector hoteleiro galego rexistrou ata outubro ingresos e visitantes récord, o que permite continuar a falar de 2025 como un ano histórico, segundo confirman os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, entre xaneiro e outubro, os hoteis e pensións da comunidade ingresaron 408,1M€, un 5,2% máis que no mesmo período de 2024, o máximo desde que hai rexistros.
Se nos referimos ó ao mes de outubro, os establecementos hoteleiros facturaron 41,7 M€, un 3,1% máis que no mesmo mes do pasado ano. Esta cantidade marca a cifra máis elevadas da súa serie histórica para este mes.
Crece tamén o número de visitantes ese mes nun 1,4%, ata as 510.686 persoas, unha cantidade récord no mes de outubro. Fixéronse en total 887.897 noites, o segundo dato máis elevado da serie histórica, das que un 65% correspóndense co turismo nacional -o 20% de mercado interno-, correspondéndose o 35% restante co mercado internacional.
A falta de coñecer os datos do resto de aloxamentos do sector como cámpings, turismo rural, albergues, e outros, as cifras do sector hoteleiro para o mes de outubro o 65% das noites hoteleiras corresponden ao turismo de ámbito nacional. Neste mes destaca tamén en volume e peso o mercado internacional pois representa o 35% do total da demanda hoteleira, destacando o mercado estadounidense que só nese mes rexistrou 37.388 viaxeiros aloxados en hoteis e pensións e supón un crecemento dun 7,3%.
Co 44% das noites hoteleiras, A Coruña lidera en outubro, por segundo mes consecutivo, o mercado turístico hoteleiro, seguida de Pontevedra, co 35%, Lugo e Ourense co 15% e 7% do total, respectivamente
Congreso sobre vivendas de uso turístico
Por outra banda, director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou o I Congreso sobre Vivendas de Uso Turístico que se celebrou en Sanxenxo onde destacou que Galicia foi pioneira cando en 2017 publicou o decreto que regula, entre outros, este tipo de aloxamentos, e que xa establecía a competencia de concellos e comunidades de veciños para que poidan ordenalas nos seus territorios. En Galicia existen na actualidade máis de 26.500 vivendas de uso turístico.
O I Congreso sobre Vivendas de Uso Turístico está organizado pola Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA) e neste sentido, o director de Turismo de Galicia puxo en valor tamén a fórmula asociativa para unir intereses e alcanzar obxectivos comúns.
Xosé Merelles tamén salientou a colaboración que mantén a Xunta de Galicia con esta entidade que permite entre outras accións a organizacións formativas dirixidas a mellorar o servizo e atención que se prestan, así como á actualización da normativa que lles afecta á hora do seu funcionamento. Tamén colaboran na sincronización e o coñecemento de novas aplicacións dixitais de rexistro de viaxeiros que operan en Galicia, facilitando así o envío único dos datos dos visitantes.




