Os fondos europeos consolidan a alianza entre Tui e Salvaterra co Río Miño como fío conductor

Ámbolos dous Concellos reciben 7 millóns de euros para investimentos conxuntos

Tui | A alianza entre os Concellos de Tui e de Salvaterra de Miño vai permitir o investimento de 7 millóns de euros nestes dous municipios en proxectos que teñen no río Miño o fío condutor. A Área Funcional conformada por este dous municipios é beneficiaria de 4,3 millóns de euros de fondos europeos EDIL.

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, coinciden en sinalar a importancia desta colaboración entre institucións para lograr novos fondos que permitan seguir mellorando estes municipios. Os dous recoñecen que os concellos pequenos cada vez teñen unha capacidade económica máis limitada, e a posibilidade e aumentar recursos vén dada pola posibilidade de captar recursos, fundamentalmente nestes momentos de Europa.

Marta Valcárcel sinala que “esta é unha noticia moi boa e moi ilusionante”, engadindo que “temos que pór en valor o importante para nós desta subvención, pero sobre todo creo que a colaboración entre institucións”. No mesmo senso o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que hai que pór en valor que á primeira vez que Tui e Salvaterra poden acudir á convocatoria destes fondos ao conformar unha Área Funcional. Engade o rexedor tudense que “se marca un fito no ámbito da cooperación e da xestión, e somos un exemplo de traballar para pór en valor un territorio común adecuando os seus espazo medioambientais e patrimoniais”.

O río Miño é o fío condutor das actuacións previstas. Así en Salvaterra un dos obxectivos será a recuperación da senda fluvial que une o municipio con Tui á beira do Miño, e que leva varios anos pechada ao quedar inoperativa tras as crecida do río. Salvaterra amais destinará aos fondos a unha importante infraestrutura no ámbito cultural como será a construción dun auditorio, para iso levan xa meses traballando nun plan especial para que poida ser unha realidade, segundo avanzaba Marta Valcárcel.

En Tui estes fondos europeos destinaranse a proxectos vinculados á mellora do espazo público nas parroquias vinculadas a esta área xeográfica ribeireña, segundo explica Enrique Cabaleiro, para recuperar espazos públicos cun alto valor patrimonial, como pode ser o caso de Caldelas, Baldráns e Paramos, e a adecuación de áreas verdes na parroquia de Areas. Con esta recuperación, afirma que, se porá en valor todo este espazo á beira do Miño, que conecta con Salvaterra a través dunha ecovía. No caso de Tui os proxectos están xa redactados e na meirande parte dos casos viabilizados.

Os dous mandatarios amosan a súa satisfacción pola consecución destes 4,3 millóns de euros de fondos europeos, que permitirán o financiamento do 60% do investimento previsto que acadará os 7,2 millóns de euros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.