Os “excelentísimos” balcóns.

Terminada xa a fogueira de 1936, Franco visitou Ourense. Esperábano as autoridades no Parque de San Lázaro, mais houbo un malentendido e o Generalísimo “Por la gracia de Dios” chegou coa súa comitiva directamente ao Concello, onde somentes estaba o xefe de protocolo, don Alejandro Rodríguez Veiras, e máis os maceiros e a Banda Municipal de Música, a praza a rebosar de xente chegada dos pobos ourensáns.

Pois ben, ao decatarse as autoridades de que Franco non se detiña no Parque de San Lázaro, empezaron a correr cara o Concello.

Elí o señor Rodríguez Veiras disculpouse como poido ante o Xefe do Estado, ata que chegaron, coa lingoa fora, o gobernador civil, o alcalde e o resto de autoridades nomeadas a dedo polos vencedores da triste fogueira que deixou máis dun millón de mortos por ambos bandos contendentes.

Xa no salón de sesións, Franco foi dándolle a man as autoridades, que se disculpaban como podían. Segundo me contou o señor Rodríguez Veiras, o Generalísimo puña unha cara de cabreo de non te menees.

Logo decidiu dirixirse á multitude que se apretuxaba na Praza Maior, e Ramón Puga, o director da única emisora que había na provincia, EAJ 57 Radio Ourense, máis tarde tío de Julio Iglesias, e que tiña un bazar no que hoxe é o Café Latino, dirixiuse ao pobo con estas palabras: “Orensanos, seguidamente os va a dirigir la palabra desde los “excelentísimos” balcones del Ayuntamiento el Generalísimo Franco”. Como así fixo entre aclamacións das xentes chegadas a nosa cidade dende os pobos limítrofes.

Franco somentes dixo, con aquela súa voz afrautada: “Españoles, hemos derrotado al comunismo y a los politicastros de la República”.
Mais o que se comentou durante todo o día foi o que dixera Ramón Puga, aquela mención a “los excelentísimos balcones del Ayuntamiento”. Temos que lembrar o noso pasado, sobre todo os que xa temos moitos abriles por riba do lombo.

Outros artigos