“Os criterios para o recheio do Porto Deportivo de Baiona son do século pasado”

Rafael Lores | Ex concelleiro e ex secretario xeral do PSOE de Baiona

Rafael Lores foi concelleiro polo PSOE en dous períodos: 2003 a 2007; e 2015 a 2019. Na actualidade mobiliza diariamente unha serie de concentracións veciñais contra o proxecto de ampliación do porto deportivo de Baiona a través dunha nova fase de recheio para ampliar a súa superficie e que, segundo os seus críticos, afectará o entorno natural entre a praia Santa Marta e o areal de A Ladeira, protexida pola Rede Natura 2000.

O goberno municipal quere levar a cabo o proxecto de recheio do porto deportivo. Como afecta a Baiona en materia ambiental e urbanística?
A nivel urbanístico está afectando no feísmo que hai actualmente no recheio. A nivel ambiental, dende que se fixo este proxecto no ano 2003, afectou negativamente aos nosos areais, coa correspondente perda de área principalmente na praia de Santa Marta, así como o cambio das correntes mariñas e a contaminación. Iso foi só co primeiro recheio. Entendemos que co segundo recheio (que comezou o 19 de maio) vai ser moito peor. Por iso estamos solicitando que se faga un estudo medioambiental independente sobre cales foron as consecuencias do primeiro recheio e cales serán as do segundo.

“Solicitamos un estudo medioambiental independente sobre as consecuencias destes recheios”

Esta obra rematou en 2003. Por qué os gobernos municipais dende entón non avanzaron neste proxecto?
O proxecto comezou en tempos de Manuel Vilar como Alcalde (1995-1999) cos estudos medioambientais e a parte inicial do mesmo. As obras comezaron en 2001, xa co Alcalde Benigno Rodríguez Quintas, rematando no 2003. Unha empresa aeronáutica foi a que iniciou os traballos aínda que dende o Concello se fixeran informes favorables a outra empresa (Marina Meridional) pero ao final quen se fixo cargo foi a empresa Ronáutica co recheio de 5.200m2. Xa daquela houbo oposición por parte dos vecinos, non tan grande entón como agora. Logo fixéronse 316 amarres na lámina de auga e Ronáutica, en 2008, anunciou que ía facer outro recheio, o que se está facendo agora, e que estaba contemplado no proxecto inicial.

O problema é que quen ten competencias sobre o que se fai nese recheio é o Concello de Baiona que, naquel momento non tiña un plan especial para o Porto. Polo tanto non existía ese instrumento urbanístico. Eran 4 millóns de euros de investimento e Ronáutica ía meter o recheio sen ningunha seguridade legal, toda vez o proxecto non era económicamente rentable. Así, Ronáutica deixou a concesión ademáis de entrar en concurso de acreedores, collendo o proxecto outra empresa, Copasa.

Pero agora ese proxecto está dentro do plan urbanístico?
Agora sí porque o actual Plan Xeral é do 2015. Entón os usuarios do Porto comezaron a premer a Copasa porque fixeran uns ingresos importantes nas prazas de amarre e non tiñan os servizos polo que se contrataran. Denunciaron así á empresa concesionaria para pedirlle responsabilidades.

Copasa premeu entón a Portos de Galicia para que esa obra se faga e Portos de Galicia premeu de xeito urxente ao entón Alcalde (Jesús Vázquez Almuíña) para que elaborara un Plan Especial do Porto, posteriormente aprobado en pleno. Fíxose todo moi rápido en maio de 2015, cando xa estaban convocadas unhas eleccións municipais e o goberno estaba en coalición. Polo tanto non está claro que ese Plan se poda impugnar. En 2023 aparece outra empresa, Nauplia Capital, que asume esta concesión pero co compromiso de Portos de Galicia de que se vaia a prorrogar esa concesión 23 anos mais tralo seu vencemento en 2029; quere dicir ata 2052. E a empresa acepta porque lle resulta rentable para recuperar ese investimento de 4M€.

O proxecto actual vai en consonancia coa Lei de Costas? Porque temos entendido que afecta á Rede Natura.
Á Rede Natura pode afectar o que é a praia da Ladeira mais a desembocadura do río Miñor. Solicitamos eses informes para aínda non os temos. O que si temos claro que eses informes son do século pasado pero para este novo proxecto non temos información. Agora ben entendemos que esta nova obra estase facendo con criterios do século pasado.

Cre que hai privatización detrás?
Unha lámina de agua que é pública vaise pechar para un negocio de 220 prazas de aparcamento que se van a tarifar por minuto. É por tanto unha privatización por medio dunha concesión dun espazo público.

Implicará unha masificación turística para a vila?
Isto é unha actuación propia do século pasado. As liñas actuais van en dirección ao turismo sostible. Botar formigón ao mar é por tanto contraditorio co espazo natural existente en Baiona. Vai en contra das liñas estratéxicas turísticas de Europa e do mundo. É destruír o noso patrimonio natural para facer esplanadas de formigón, algo que non é atractivo para ninguén. Vai traer desfeita e ruína para as vindeiras xeracións.

“Este proxecto vai en contra das liñas estratéxicas turísticas de Europa e do mundo”

Tomando en conta que está convocando diariamente a mobilizacións, ten expectativas de conformar unha plataforma vecinal?
O primeiro que se fixo foi unha plataforma virtual, “Salvemos Santa Marta”. A partir de aí estamos estudando crear unha plataforma cívica para poder ter acceso legal, aínda que de momento non hai nada constituído pero comeza a observarse certo interese por creala. Comecei eu só coas mobilizacións e pouco a pouco foron incoporándose varias persoas ata chegar a superar os 100 vecinos.

O pleno municipal vén de aprobar por maioría absoluta os orzamentos 2025, de máis de 11M€, considerados como os “máis altos na historia de Baiona”. Entre as prioridades inclúen a mellora de servizos municipais. Podemos intuír unha privatización encoberta deses servizos?
Hai descontento entre a poboación sobre cómo está funcionando a limpeza, en particular a recollida de lixo. Segundo teño entendido o actual goberno do PP vai facer un estudo para a privatización deste servizo cando fai dous anos, durante o anterior goberno tripartito (PSOE-BNG-Nós Baiona) estiveron en contra argumentando o seu encarecemento.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.