Os contos da diáspora galega chegan ao SELIC 2021

Da man do escritor Domingo Villar
Carátula do libro “Algúns contos completos” de Domingo Villar.

Santiago de Compostela | A pandemia é a verdadeira responsable de que Domingo Villar se decidira a publicar os seus contos. Así o contou este luns nun encontro con xornalistas no café Airas Nunes xunto ao director da Selic 2021, Camilo Franco. Ambos mantiveron unha charla previa á conversa que manterán ás 19.00 horas no marco do festival da lectura de Compostela.

“Cando Víctor Freixanes aínda estaba en Galaxia sempre me insistía en que había que publicar os meus contos, pero eu case prefería deixalos para o ámbito privado”, sinalou Domingo Villar, quen explicou que os seus contos “foron contados en voz alta para os amigos moitas veces” porque “están pensados para atopar o sorriso dos amigos”.

“A intención dos relatos que escribo é lelos na sobremesa como se abrísemos un viño. Hai quen agasalla viño e eu adoito agasallar contos. Ata que non viu a pandemia non había máis vontade que deixalos na intimidade, pero ao non poder ver aos amigos xurdiu a opción de publicalos”, salientou o escritor vigués.

Así se xestou “Algúns contos completos” (Editorial Galaxia/Siruela) que vén de saír do prelo nunha edición moi especial con linogravados de Carlos Baonza. “Decidín apoiarme no meu amigo Carlos Baonza para este libro de relatos e xa non sei se os seus gravados subliñan os meus textos, ou son os meus textos os que subliñan os seus linogravados”, apuntou Domingo Villar.

“Estes contos teñen o fío común do mar e a terra. Son historias de galegos na diáspora”, destacou o autor, quen asegurou que a súa voz narrativa é a mesma que nas novelas que ten publicado con anterioridade. “A xente que leu as novelas vaime recoñecer”, dixo.

“Estes contos teñen o fío común do mar e a terra. Son historias de galegos na diáspora”

Domingo Villar recoñeceu que prefire a escrita en pequenas doses, como se fose subindo unha escaleira: “Non son capaz de escribir cousas demasiado longas, aínda que teño novelas de 800 páxinas. A miña intención sempre é rematar un capítulo e ir subindo chanzos aos poucos, como se os capítulos actuasen como relatos”.

O que nunca deixa é de escribir. De feito, xa avanzou que anda inmerso nun traballo a medias co inspector Leo Caldas –o protagonista das premiadas Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco (Galaxia/ Siruela)–. “Estamos intentando pescudar que pasou cuns restos que atoparon nunha cova preto do mar”, adiantou. O que non sabe é a onde o levará esta nova novela xa que para el “a escrita dunha novela é como botarse ao mar a navegar coñecendo o porto de destino, pero sen saber que vento vas ter no camiño nin que ruta seguir”.

Na conversa desta tarde na Selic, Domingo Villar e Camilo Franco tamén falarán da posibilidade de que as novelas do Leo Caldas se complementen cunha historia paralela, esa que ten escrita o pai do inspector e da que se ten falado no ata o de agora último libro, O último barco. Está por ver o que di o pai de Leo Caldas sobre esa publicación…