O Barco de Valdeorras | Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia regresan ao verán do Barco de Valdeorras dándolle cobertura a unha nova edición do ciclo de concertos Terrasón. Do 1 de agosto ao 14 de setembro, a música encherá espazos característicos da vila ourensá como a Praza Maior, o Paseo do Malecón, a Praza de Viloira ou San Roque, entre outras localizacións.
O ciclo Terrasón naceu en 2020 co desexo de achegar bandas emerxentes e talento galego a zonas con locais de hostalería co fin de dinamizar turística e culturalmente O Barco de Valdeorras. Neste 2025, o ciclo contará cos directos espallados nas noites de verán– de artistas e bandas como Carla Lourdes, Ángela González, The Black Wings, Seika, Notazul, El Patio de Leni, Claudio & The Roosters, Los Brazos, Sr. Jingles e Caamaño&Ameixeiras. Así o presentou está mañá en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou “a boa acollida do público nas anteriorese edicións da cita” ao tempo que engadiu que “o ambiente festivo e a dinamización da economía e a oferta turística local durante case dous meses son claves neste proxecto”. Ademais, engadiu que “é unha satisfacción contribuír á celebración desta proposta musical que aposta polo talento local e permite gozar da música en directo nas noites do verán ourensán”. “O tándem música e gastronomía polo que aposta o Terrasón son sempre unha fórmula gañadora para os públicos cos gustos máis diversos”, concluíu.
Proposta rica e variada
Os xéneros musicais que este ano presenta o Terrasón son ricos e variados: do pop pegadizo ao máis reflexivo e sentimental; do pop-rock dos anos 80 e 90 a blues, o country e o rockabilly; do metal ao hard rock; do jazz á música tradicional galega con tintes contemporáneos. Trátase dun dos eventos máis singulares da súa contorna, cunha oferta que se estende no tempo e que permite ao público gozar da música e da cociña locais dotando á localidade dunha atractiva oferta de ocio e turística.
A cita enmárcase nos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a máis de 150 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia. Na provincia de Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos, como o Our Fest, o Orballo Cultural, o Festival Ou Yeah!, SilFest, O Son da Estación ou este ciclo Terrasón. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.