Os centros educativos de Tui e Valença únense en CaixaSon

Cultura e música no marco do IKFEM Festival

Tui | A exitosa experiencia de inclusión a través da cultura e da música CaixaSon promovido polo IKFEM Festival Tui-Valença co apoio de BPI-Fundação ”la Caixa” ten en marcha xa a súa segunda edición. Ao fronte dos talleres situarase o profesor Júlio Viana. Este ano contará cunha colaboración especial do alumnado dos centros educativos de Tui e Valença e se incorpora a Asociación San Xerome de A Guarda.

Precisamente para poñer en marcha esa colaboración dos centros educativos da Eurocidade celebrouse unha reunión na que participaron a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente, os vareadores de Educación Arlindo Sousa; e de Cultura Óscar Silva, e a directora do festival IKFEM, Andrea González. Acudiron tamén representantes dos centros tudenses CEIP Nº1 Tui, CEIP de Caldelas, CEIP Pazos de Reis e do Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho de Valenca. Na experiencia participarán tamén outros centros educativos da Eurocidade.

Este innovador proxecto de formación, inclusión e accesibilidade, comezou a desenvolverse na edición de 2025 do IKFEM para fomentar a participación na creación cultural de toda a cidadanía. Así, coa apoio da Fundación La Caixa, púxose en marcha un taller musical destinado a un grupo de persoas en risco de exclusión social dos municipios de Tui e Valença. Nesa primeira edición baixo a dirección de Macarena Montesinos, acompañada da cantautora Su Garrido Pombo, participaron persoas usuarias de Vontade, Diversidades Acolle, APPACDM e Universidade Sénior. O proxecto e a estrea do documental tivo lugar na Gala Inaugural do festival na que a agrupación inclusiva abriu o programa do IKFEM Festival Tui-Valença, cantando xunto a Antonio Orozco e Rita Rocha, ante máis de 1.200 persoas.

O proxecto CaixaSon do IKFEM Festival Tui-Valença foi recoñecido cun premio internacional, o Silver Award en Inclusive Culture nos IAUD International Design Award 2026, outorgado pola asociación xaponesa International Association for Universal Design. Esta candidatura foi seleccionada entre proxectos de 12 países. O galardón será entregado o venres 27 deste mes nunha Gala en liña á que asistirán a directora do IKFEM Festival Tui – Valença, Andrea González, Susan Santos, responsable territorial de La Caixa, representantes dos municipios da Eurocidade Tui-Valença e das entidades sociais que participaron no CaixaSon.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.