Os barcos de “Viaxes Hemisferios” navegan de novo polo río Sil

Facendo viaxes de hora e media de duración

Nogueira de Ramuín | Viaxes Hemisferios comezou este ano a súa actividade o pasado 19 de marzo facendo viaxes, de hora e media de duración, ás 12 do mediodía e ás catro da tarde, polo río Sil. A empresa conta cun barco de 95 prazas e outros de 26 e 36. En Santo Estevo, Hemisferios ten en concesión o embarcadoiro da Deputación de Ourense pero o embarcadoiro de Abeleda (A Teixeira) é en propiedade.

A empresa está en activo desde 2016 e dela son responsables un grupo de veciños de Nogueira de Ramuín, con Antonio Fernández Andrade á fronte. Explica Andrade que “a intención do Concello e da nosa empresa desde o principio foi dinamizar a zona. E agora, a pesar da pandemia que restrinxe a nosa actividade, non queremos perder o traballo anterior e poñémonos de novo en marcha para colaborar tamén na promoción doutros negocios locais”.

Para o xerente da empresa neste momento “non é rendible poñer en marcha os catamaráns porque non van usalos madrileños, cataláns e portugueses. Manteremos o tipo”.

Na comarca, o Parador e a empresa Hemisferios, son o tirón turístico que inflúe positivamente no mantemento doutros negocios e actividades por iso é polo que a empresa turística teña en carteira outras iniciativas para poñer en marcha este ano.

Roteiros a Santo Estevo
Para chegar ao embarcadoiro de Santo Estevo podemos saír de Ourense pola N-120 dirección Monforte de Lemos. Deixamos ésta en a saída de Os Peares, entramos no pobo sen cruzar ningunha ponte. Atopámonos a desembocadura de río Sil no Miño e unha ponte que cruza o río Sil pero non o cruzamos e seguimos á dereita por estrada de Iberdrola pasando a central de san Pedro. É importante deixar o río á esquerda sempre. A 13 quilómetros atopamos un cruzamento á esquerda que nos baixa ao embarcadoiro.

Outra opción é desde Ourense pola OU-536 (estrada a Castro Caldelas). Pasamos o encoro de Cachamuíña e na próxima rotonda saímos na segunda saída pola esquerda, dirección Luíntra pola OU-508. Xa na rotonda de Luíntra vamos pola segunda saída, dirección Parador de Santo Estevo. Ao pasar o cruzamento do Parador chegamos ao pobo de Loureiro; en metade da recta tomamos un cruzamento á esquerda que nos achega ao embarcadoiro de Santo Estevo. Esta é o mellor roteiro para os autocares.

Percorrido
O percorrido polo río Sil comeza na parte máis abrupta do Canón. Nese punto xa se poden observar algúns dos viñedos con máis pendente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Unha viaxe de aproximadamente hora e media no que os pasaxeiros se poderán deleitar coa grandiosidade do Canón e as súas peculiaridades, todo iso acompañados dun guía que lles explicará toda a información relevante. Unha das sorpresas que garda este roteiro é a vista do Mosteiro de Santa Cristina (Parada de Sil) escondido no bosque. Tras pasar ese punto, o barco retornará ao seu lugar de partida, o embarcadoiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín).

Esta empresa tamén ofrece a posibilidade de realizar o percorrido nun só sentido, terminando neste caso en Abeleda (A Teixeira) e permitindo ao viaxeiro apreciar as vistas dos viñedos de Amandi (subzona da D.O. Ribeira Sacra).

Embarque: Embarcadoiro de Santo Estevo, Nogueira de Ramuín (Ourense) e Embarcadoiro de Abeleda, A Teixeira (Ourense). Itinerarios: Santo Estevo – Santo Estevo; Santo Estevo – Abeleda; Abeleda – Santo Estevo.

A poucos quilómetros do embarcadoiro é posible visitar os mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) e San Pedro de Rocas (Esgos).

Se continuamos en dirección Parada de Sil, poderemos visitar unha das xoias do románico de Ribeira Sacra, o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Son numerosos os miradoiros que hai no traxecto.

Outros artigos