“Os avais non son un cheque en branco”

Juan Díaz Villoslada | candidato á secretaría xeral do PSdeG

Esta entrevista realizouse un día despois de que Gonzalo Caballero e Xaquín Fernández Leiceaga, formalizansen un pacto de candidatura para as primarias do PSdeG. As palabras que recollemos do candidato Juan Díaz Villoslada reflicten non un estado de ánimo, senón unha actitude de “era de esperar”. Pero aínda así, mantén a súa axenda, as súas posicións e mesmo abraza a idea dunha reforma profunda do partido en Galicia.

-Como tomou o pacto de onte entre Caballero e Leiceaga?
-Se digo que por sorpresa igual mentía, porque xa había algúns indicios máis ou menos velados por parte dos dous candidatos, de que podería haber algún acordo semellante. Entón moita sorpresa non, pero si que o recibo con certa frustración, porque creo que é faltar un pouco ao respecto a toda a militancia que avalou a candidatura agora retirada, a de Leiceaga. Penso que se unha vez presentado para ter os avais, tés a obriga, política, moral e democrática de seguir para adiante coa candidatura. Os avais non son, como eu digo, un cheque en branco. Eu diría a esa militancia que agora se sinta libre de votar a quen queira. Non me parece o máis oportuno nin respecta o sistema democrático interno de primarias.

-É iso o que vostede chamaba “vella política”?
-Si. É ao que vimos asistindo nestes últimos anos no partido en Galicia. Se queremos construir unha nova etapa dentro do partido con forza e con unión, deixemos falar a militancia o dia oito de outubro. Para o outro día os dous ou os tres, teremos moito de que falar, para construirmos xuntos o partido, baixo o liderado de quen teña a secretaría xeral. Pero creo que nesta semana precisamente, entre avais e votación, non me parece o máis acertado. Entón, eu si que aí identifico con formas vellas da política, cando eles falan de tanta mesa camilla é fan un pacto, e eses pactos sabemos todos, se non queremos facer trampas ao solitario, que levan canda si un pacto, un reparto de cousas.

-Cando fala de “vella política” fala dunha ausencia de proxecto no PSdeG?
-Eu penso que non, que a militancia sabe o que quere. Un partido, forte, unido e con capacidade para enfrontarse ao PP de Galicia cun marcado acento galeguista, que é un sinal de identidade dos socialistas e para levar adiante políticas progresistas. Isto a militancia teno claro, pero parece que non se teña claro ás veces, por parte de certas élites.

-Con “determinadas élites”, quere dicir “baronías”?
-Non, refírome a compañeiros que levan moitos anos xa nestas batallas internas, batallas no mellor sentido da palabras. Pero os dous levan máis de vinte anos nestes temas, entón cando temos un novo vento a favor despois das primarias federais, se nas que se viviu o que se viviu, facer estes xogos non me parece o máis recomendable. Eu creo que a militancia, se ve esta forma de actuar, é cando quere sacar adiante candidaturas como as de Pedro Sánchez. É dicir, hai moitas formas de facer este tipo de pactos.

-En tal caso, considera que logo do día oito acabarán as liortas internas?
-Deberiamos. Porque ese é o grande reto que temos. Penso que temos que saír o día nove repectando o voto da militancia, respectando e traballando xuntos e xuntas baixo a nova secretaría xeral do partido e sendo capaces de integrármonos nunha nova dirección. Estamos diante dunha grande oportunidade, non podemos desaproveitala.

-Facendo un pouco de cábalas, entraría nunha candidatura a tres se llo ofrecesen neste momento?
-Creo que neste momento non. Agora mesmo non ten sentido porque estamos nun proceso no que temos pedido avais á militancia e agora temos que chegar ao día da votación.

-Non é que quede moito tempo, pero antes do día oito, vostede fará cambios no seu discruso como candidato?
-Levo semanas elavorando medidas, presentando propostas dentro dunha perspectiva programática xeral, que son o resultado de moitas aportacións por parte de compañeiras e compañeiros, con encontros coas agrupacións coas que teño contacto, por tanto, non tería sentido facer cambios no discurso e no programa. Outra cousa é que un reaccione no día a día sobre os acontecementos. Por iso a miña liña seguirá sendo insistir nas mesmas medidas e propostas, máis aquelas que vaian saíndo esta semana nos encontros previstos cos compañeiros e compañeiras.

-Juan Díaz Villoslada secretario xeral do PSdeG, integraría no seu equipo a Leiceaga e Caballero?
-Sempre ofrecería unha integración de todos e todas as compañeiras. Tanto deles como daqueles compañeiros e compañeiras que, traballando con eles, teñen valía. Porque a teñen, de aportar ao partido. Pero sempre o faría baixo a premisa de que non se incorpore ninguén en representación de ninguén, senón para abrir unha nova etapa na dirección do partido.

-Ve o PSdeG inscrito só na política municipal durante moito tempo?
-Se non actuamos con forza e convencemento a partir do día oito, pois si. Porque a forza que temos hoxe a nivel municipal é importante, tamén a nivel de deputacións, pero necesitamos máis partido, evidentemente, para atacar as políticas autonómicas e ver de facer cousas en sanidade, educación, dependencia ou emprego. Por iso, temos que dar ese paso adiante para non estar só no ámbito municipal.

-Como militante socialista, que lle respondería a quen diga que o PSOE-PSdeG perdeu a esencia da esquerda.
-Pois que algo diso hai, algo diso houbo e tivemos etapas recentes no pasado, nas que perdemos certa coherencia. Entre o noso ideario e o que acordamos, entre o que prometemos e o que conseguimos levar adiante. E esa perda de certa coherencia restounos credibilidade, por tanto confianza e ese é un dos retos que temos, recuperar a coherencia, unha vez que estamos posicionados na esquerda, nunha esquerda de goberno, con experiencia de xestión, na nova etapa que ten aberta o partido a nivel federal.

-E a esa esquerda chamaríalle socialdemocracia?
-Si, eu reivindico o papel da socialdemocracia pero realmente desde o punto de vista social. Cando a socialdemocracia ten fallado no contexto da grande recesión en toda Europa, é porque se pregou por moitas razóns, ás políticas neoliberais. Isto logo pasa factura. Creo que temos que reposicionarnos na socialdemocracia, é imprescindible para retomar e avanzar doutra forma no modelo social europeo e español.

-Como secretario xeral do PSdeG, cal sería a primeira proposta que lle presentaría a Pedro Sánchez?
-Á parte de cofigurar a nova dirección, o que temos que facer en Galicia é levar adiante unha conferencia política. Esta conferencia dentro do marco federal do partido, por tanto coa secretaría federal do partido e coa dirección, pero necesitamos escribir un novo proxecto para Galicia, despois de tantos anos e tantas cousas que teñen pasado.

-Ese novo proxecto podería ser un modelo como o PSC?
-Xa me teñen preguntado moito por este punto, pero non. Non iría a unha situación de realmente independicar o PSdeG do PSOE. Creo que o PSdeG ten identidade e historia propias, pero eu seguiría traballando coa miña formulación dentro do esquema federal.

-Como socialista, non sente remorsos ou culpa de ver ao PP tantos anos na Xunta?
-Como cidadán si e como socialista por suposto. Por iso creo que temos que fortalecernos de novo, sermos capaces de que as políticas do PP non sigan no ámbito de Galicia. Non só porque sexa un partido ou outro, senón porque hai que facer outras políticas para que os problemas da xente no día a día, se resolvan doutra maneira e non no neoliberalismo máis duro.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.