“Os alcumes e sobrenomes medievais son fontes de apelidos actuais”

A Real Academia Galega dedica hoxe a III Xornada de Onomástica Galega aos alcumes.
Ana Boullón, coordinadora da III Xornada de Onomástica Galega, intervén na mesa inaugural xunto ao presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal. Fonte: RAG

Pontevedra | Os alcumes protagonizan hoxe no Museo de Pontevedra a III Xornada de Onomástica Galega. O encontro, organizado pola Real Academia Galega co apoio da Deputación de Pontevedra, profundará nestes nomes non oficiais desde distintas perspectivas e tempos: a antropoloxía, os seus inicios na Idade Media, a súa fixación nos apelidos ou exemplos concretos como o do barrio pontevedrés da Moureira, ata chegar a novas formas, como os nomes escollidos polos editores da Wikipedia. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, e a coordinadora da xornada, a académica correspondente Ana Boullón, inauguraron esta mañá o encontro.

O programa aborda, casos concretos como o de dúas aldeas de Lalín e o barrio pontevedrés da Moureira, os alcumes que designan a veciños dunha mesma localidade ou os nomes de usuarios de editores da Wikipedia

“Dicía Platón que nos nomes está a alma das cousas, tamén das persoas. O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega traballa moi intensamente neste eido do coñecemento, procurando ofrecer a relación máis depurada dos nomes e apelidos das persoas, para a súa identificación e estudo, con atención especial á recuperación da memoria histórica”, salienta o presidente da RAG. “Nesta terceira edición das xornadas centramos os traballos nos alcumes, esoutra maneira de recoñecer as persoas, ás veces tan íntima, outras veces tan retranqueira, con connotacións sociais e antropolóxicas moi diversas. Os alcumes son una riqueza popular da que dispón Galicia, moi marcada sobre todo nas sociedades rurais, ou con forte tradición rural. Explorar este eido da lingua é viaxar tamén pola nosa historia, pola nosa memoria colectiva, mesmo ás veces pola nosa memoria máis íntima e persoal”, engade Víctor F. Freixanes, que agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra que fai posible a celebración destes encontros.

“A Deputación de Pontevedra apoia por terceiro ano este foro, que se desenvolve no Museo de Pontevedra”

“Estes tres anos de colaboración coa Real Academia Galega, como institución científica e referencia, permítenos achegar o público xeral aos aspectos que aínda perduran da tradición lingüística en canto a toponimia e apelidos, nas anteriores edicións, e este ano no referido aos alcumes”, valora o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra. “Este gran labor científico permite unha continuidade das temáticas tratadas nestas xornadas con aplicación para futuros estudos”. Xosé Leal salienta que o respecto por estas cuestións está sempre de actualidade “ante as constantes deturpacións e ataques inxustificados que estamos vivindo no noso día a día”.

Os alcumes comparten cos apelidos a fixación familiar e a transmisión interxeracional, pero o seu carácter extraoficial dificulta compilalos, explica Ana Boullón. Non aparecen nos rexistros civís nin nos eclesiásticos, e nos textos escritos só adoitan facerse un oco na literatura ou nas necrolóxicas dos xornais. “E, con todo, constitúen unha forma de designación das persoas aínda moi viva en determinados lugares, especialmente vilegos e rurais. Son de enorme interese lingüístico e antropolóxico, o que demostra, entre outras cousas, a gran creatividade popular. É o caso, por exemplo, de compostos como O Pito Bebendo, O Sinqueixo, O Aisí ou o Benfaladiño, expón a académica correspondente.

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG: “Os alcumes son una riqueza popular da que dispón Galicia. Explorar este eido da lingua é viaxar tamén pola nosa historia, pola nosa memoria colectiva, mesmo ás veces pola nosa memoria máis íntima e persoal”