Os 5 metros máis longos do mundo.

Morreron a cinco metros da beira. Cinco metros. Unha distancia que para calquera outra persoa sería apenas un paso, unha zancada, unha brazada. Pero para elas —as sete persoas migrantes que faleceron onte ao envorcar o seu caiuco fronte ás costas canarias— foron un abismo infranqueable, unha fronteira mortal que lles arrebatou a vida xusto cando a terra firme xa se podía cheirar, case tocar.

“A esperanza afógase a un paso da meta.”

Cinco metros. Esa foi a distancia entre a esperanza e a morte. Entre o soño dunha vida nova e a brutal realidade dun sistema que criminaliza a pobreza, a necesidade e a supervivencia. Ían a bordo dun caiuco que chegou ao límite, como chegan sempre estes corpos castigados polo sol, o salitre, o medo e a sede. Case chegaran. Pero case non basta.

As imaxes do suceso son insoportables. Persoas exhaustas que se lanzan á auga para alcanzar terra firme. Algunhas non sabían nadar. Outras xa non tiñan forzas. A embarcación envorcou, e en cuestión de segundos, o mar encheuse de berros, de brazos axitados, de corpos que loitaban por non afundirse. De morte.

“No abismo da traxedia, xorde a luz da humanidade.”

E con todo, tamén houbo vida: houbo mans que se tenderon, que se lanzaron á auga para axudar, para rescatar, para non permitir que a indiferenza se cobrase aínda máis vítimas. Esas persoas que se tiraron á auga son un exemplo do que deberiamos ser. Non o dubidaron. Non esperaron ordes nin permisos nin titulares. Actuaron. Porque cando se trata de vidas humanas, non hai burocracia que valla.

A súa coraxe e a súa humanidade son faros no medio dun sistema escuro, inhumano, estruturalmente racista e profundamente inxusto. E fronte a ese valor anónimo e espontáneo, que fan os gobernos? Que fai a Unión Europea, que inviste miles de millóns en militarizar fronteiras e en externalizar a vixilancia a países que violan sistematicamente os dereitos humanos? Que fan os políticos que criminalizan ás persoas migrantes, que propagan discursos de odio, que promoven leis que pechan portas e abren tumbas?

“As fronteiras militarizadas son tumbas abertas.”

Desde os despachos redáctanse acordos con ditaduras para que actúen como xendarmes. Deséñanse valos, levántanse muros, refórzanse patrullas, pero non se ofrecen roteiros seguros nin políticas migratorias baseadas nos dereitos humanos. Gástase máis en impedir que vivan que en axudarlles a vivir. E iso ten consecuencias. Non é unha traxedia inevitable. É unha consecuencia directa de decisións políticas. E por iso, é tamén unha responsabilidade. Unha culpa.

Cada caiuco que se perde no Atlántico é un crime de omisión. Cada vida que se apaga a uns metros da costa é unha acusación que debería perseguirnos como sociedade. Porque mentres nos escandalizamos un día e esquecemos ao seguinte, miles de persoas seguirán embarcándose en roteiros cada vez máis mortais. Non porque queiran, senón porque non teñen alternativa. Porque ninguén foxe da súa terra se na súa terra pode vivir.

“Non fuximos da nosa terra, fuximos da ausencia de vida nela.”

E é aí onde temos que mirar. Non só ao mar, senón á orixe. Ás causas de fondo: ao espolio, ao cambio climático, ás guerras promovidas por intereses alleos, ao saqueo de recursos por parte de empresas europeas, aos réximes sostidos polas potencias occidentais. Porque non basta con chorar cando morren. Hai que actuar antes de que salten á auga.

Onte, eses cinco metros convertéronse no símbolo de todo o que está mal: unha distancia minúscula que encapsula a dor máis inmensa. Un muro invisible que separa aos que poden vivir dos que só poden tentalo. E non podemos seguir permitíndoo. Non podemos seguir deixando que o mar se trague a esperanza porque nós, os que estamos en terra firme, non nos atrevemos a cambiar as regras.

“Que a súa morte nos persiga ata a acción.”

Que a súa morte dóianos. Que nos sacuda. Que non nos deixe durmir tranquilos. E que nos obrigue, dunha vez, a elixir entre ser cómplices ou ser humanos.

Nado no ano 1974, un ano antes da entrega do Sahara por parte de España a Marrocos. Activista polos dereitos do Pobo Saharaui, é membro de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Fundador e administrador da web www.porunsaharalibre.org

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.