Ponteareas | A extensión da sede universitaria da UNED en Ponteareas ofrece unha oportunidade para seguir formándose da man de expertos e sen afrontar desprazamentos, explica o concelleiro de Ensino, Ricardo González ao tempo que convida a inscribirse nalgún dos 11 cursos que se ofrecen nestes intres.
Cursos para ampliar coñecementos e tamén para ter un tempo de lecer de calidade. Así entre a oferta está o curso de ioga, de superación do duelo, de expresión corporal, lingua de signos española, patronaxe e confección industrial, arquitectura efémera, iniciación ao teatro e de creación de personaxes ou ganchillo. A duración e a temática dos cursos é variada, dende as 10 horas de iniciación ao ganchillo ás 50 de arquitectura efémera para chegar a máis persoas. Tamén ofrecen a posibilidade de obter créditos universitarios.
Ademais, tamén hai opción de matricularse nos cursos da UNED Senior para maiores de 55 anos e así seguir aprendendo. A tan só un click pódese facer a inscrición https://extension.uned.es/&idcentro=1199
Conectados con todo o mundo
Dende a Praza Maior a Universidade Nacional de Educación a Distancia conecta Ponteareas con profesores e alumnado de todo o mundo ao ofrecer a opción online e a distancia nos seus cursos, ademais da presencial.
No seu primeiro ano de funcionamento a UNED formou a máis de 2.000 persoas unidos por experiencias educativas que promoven tamén a socialización.
Un convenio de cooperación, asinado entre o Concello e a UNED, fai posible incluír ensinanzas de carácter universitario á oferta académica do municipio e da súa área de influencia. Grazas a este convenio, o centro de titularidade pública oferta actividades e cursos de extensión universitaria e realiza accións destinadas á orientación académica e inserción laboral.
A alcaldesa Nava Castro, indica que “traemos ata a vila a Universidade, neste caso, a UNED, facilitando que a cidadanía do municipio e da nosa área dispoña dunha maior oferta académica e ofrecendo os recursos necesarios se desexan potenciar a súa experiencia e sabedoría. Potenciar a formación a calquera idade é un dos nosos obxectivos como goberno”.
As clases que se imparten melloran ademais o currículo das persoas e as posibilidades de inserción laboral “tamén se imparten clases sobre diferentes idiomas estranxeiros, o que permite mellorar a accesibilidade a este tipo de estudos que repercute de forma moi positiva á hora de buscar emprego e de desenvolver habilidades profesionais e cursos como o da ESO que ofrecen unha nova posibilidade de seguir medrando”.