Oligarcas ao poder.

Prometín no editorial anterior que remataría as consideracións sobre “Os 40 anos de liberdade” . E iso pensaba se non fora porque se me cruzaron no camiño una par de lecturas que non me resisto a comentarlles porque, en esencia, veñen a reflectir o que eu repito unha e outra vez sobre os medios, sobre as liberdades e os compromisos. Prometo que o tema pendente será tratado.

O xornalista Carlos Hernández (q.e.p.d.) deixou escrita unha carta para que fora publicada logo da súa morte con apenas 56 anos de vida. Nela confesa ter sido unha persoa moi afortunada por nacer e vivir nunha sociedade que aínda vindo dunha época triste e falta de liberdades hoxe saíu daquel pozo e podemos considerala entre as máis prósperas do mundo. Dinos que se sente afortunado por ser educado nun ambiente de liberdade e para ser crítico, aínda nacendo nun barrio pobre de Madrid. Que decidiu ser xornalista porque entendeu que informando con rigor e honestidade pódese cambiar o mundo. Que nunca mentiu nin manipulou a información, que sempre foi crítico co Poder e que deu voz aos que non a tiñan. Voz para as vítimas, crítica para os verdugos.

Dinos que dos seus veteranos colegas aprendeu que obxectividade non é sinónimo de neutralidade, que contar as cousas con obxectividade obrígate, case sempre, a non ser neutral. Diante dos agresores, os corruptos, o xornalista ten que ser contundente: contar sempre a verdade. Que para ser un bo xornalista hai que ser unha boa persoa. Pensar que dos seus traballos depende que a sociedade poida exercer os seus dereitos estando ben informada. Do traballo xornalístico depende a liberdade, a igualdade e a democracia; por iso non caben escusas para mentir ou para ocultar. Aos novos xornalistas recoméndalles non tolerar a manipulación, que non se autocensuren, que non se escondan baixo a escusa do medo a perder o traballo; que sexan bos xornalistas e boas persoas. Aos mercedarios da información só lles fai unha pregunta: “Se lles compensa o diñeiro ou a fama que poidan gañar a cambio do dano que poidan producir: se poden durmir tranquilos logo de facer o que fan”.

“Para ser un bo xornalista hai que ser unha boa persoa. Pensar que dos seus traballos depende que a sociedade poida exercer os seus dereitos estando ben informada”

Asegura coñecer a política e sabe que non todos os políticos son corruptos; que existen homes e mulleres que teñen como finalidade mellorar a calidade de vida dos cidadáns, que case todos poderían gañar mais diñeiro en empresas privadas; que resulta obvio a existencia doutros políticos demasiado movidos por intereses mais espúreos como a corrupción e as ansias de poder, que hai que mellorar o sistema pero sempre dende a política; moito coidado cos que arremeten contra ela, contra os partidos, os sindicatos e contra a democracia, porque a alternativa é a ditadura, aínda que a bauticen con calquera eufemismo. Que a alternativa aos partidos e sindicatos é o partido único e o sindicato vertical . Que hai moito que mellorar pero que o camiño non é o que nos mostra a extrema dereita mundial.
Considera un agasallo único coñecer o sufrimento dos superviventes dos campos de concentración nazis e franquistas, así como as súas familias que non deixan de repetir que o fascismo non morreu, que segue agochado esperando o seu momento, por iso é tan importante coñecer a historia. Mirar para atrás é a mellor forma de afrontar o presente, de non cometer erros, de non repetir os mesmos fallos.

Seguindo o guión de Carlos Hernández atopámonos cunha información de La Marea sobre unha recomendación do propietario de Telegram, un tal Pável Durov, aos seus usuarios animándoos a estar vixiantes diante das regulacións para menores das redes sociais promulgadas por Pedro Sánchez como un sinal de alerta para a liberdade de expresión e a privacidade.

La Marea informa que diante deste feito decidiu deixar de publicar en Telegram. Elixir é renunciar, frase que resume o que supón tomar decisións, mais aínda cando se trata de dilemas importantes que entroncan directamente cos valores que nos sustentan como persoas. Aseguran dende esta publicación que nos seus principios editoriais destaca a independencia dos poderes políticos e económicos e dos espazos que se elixen para comunicar. Que non descobren nada se afirman que eses espazos están hoxe nas mans duns poucos “señores tecnofeudais”.

Na actualidade está sobre a mesa a cuestión: é Telegram un espazo independente cando o seu fundador o utiliza para mandar unha mensaxe masiva aos usuarios cunha clara intencionalidade de influír nas súas opinións?

La Marea é un medio independente, sen ánimo de lucro, ao que estou subscrito dende o ano 2012, que ven apostando polo xornalismo de investigación, pola análise en profundidade e pola cultura, sempre cunha mirada crítica e comprometida.

“Nunha cousa ten razón o dono de Telegram cando lle envía unha mensaxe aos meus alumnos de bacharelato, que usan a súa rede social e lles di ‘loiten polos seus dereitos”

Finalmente, reflectir o comentario de Ana Cruz Muñoz, profesora de Educación Secundaria, a propósito da mensaxe do propietario de Telegram, escribe: “nunha cousa ten razón o dono de Telegram cando lle envía unha mensaxe aos meus alumnos de bacharelato, que usan a súa rede social e lles di ‘loiten polos seus dereitos”. Precisamente, nestes momentos, di Ana Cruz, estamos lendo “Que é a ilustración”, de Immanuel Kant que xa animaba aló polo século XVIII aos seus coetáneos a que pensaran por si mesmos. En latín, indicáballes SAPERE AUDE, que poderíamos traducir por “ten valor de servirte da túa propia intelixencia. Cos móbiles e o papel sobre a mesa fomos kantianos, filosofamos lendo, dialogando, argumentando, poñendo exemplos e sacando conclusións.

Grazas a mensaxe que nos serve de exemplo comprobamos que os titores dos que nos fala Kant hoxe non son tanto as relixións ou os gobernos senón os tecno-oligarcas. O pasotismo ou o permanente uso das redes sociais serían a preguiza e a comodidade da Ilustración; actitudes ideais para que a sociedade sexa manipulada mentalmente, emocionalmente, acabe estando secuestrada pero contenta.

Cando o Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, propón limitar a idade para acceder a ese estado de alleamento, diría esta vez Kant, os expertos en manipulación tecnolóxica, enriquecidos a costa da servidume voluntaria, non tardaron nin un segundo en reclamar, mentindo como lles é propio, as súas propiedades empresariais, a saber, as mentes da mocidade que aínda non pode pensar por si mesma.

Os nosos dereitos son dispor dunha información veraz, sen bulos, tal como consagra o artigo 20 da Constitución, como dereitos fundamentais e liberdades públicas. Neste caso estar a salvo e seguros no uso das novas tecnoloxías, non ser manipulados en nada, nin en materia de consumo nin, moito menos, en materia de pensamento, ideas , crenzas ou ideoloxías. Aquí os Poderes Públicos (léase España, Francia, Portugal, Australia) xa chegan tarde, pero mais vale tarde ca nunca.

A educación pública como garantía do pensamento crítico ten que posicionarse en contra de calquera intromisión na intimidade, art.12 dos Dereitos Humanos que establece o dereito á privacidade, familia, domicilio ou correspondencia, nin aos ataques a súa honra ou reputación; dereito á protección legal contra tales inxerencias ou ataques, estendendo estes dereitos a intromisión inxustificada na vida privada, a protección ao fogar, a familia e as comunicacións. Dereitos que non teñen nada que ver coas intencións malévolas do oligarca norteamericano.

Páseno ben. Coidado coas tormentas físicas e mentais. Todas elas afectan a nosa integridade.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.