“Ola de vandalismo incontrolado en Ponteareas”.

“… e agora creo que deberíamos comezar por un ou dos termos latinos”, dicíalle nunha alcoba o Vizconde de Valmont a Cécile de Volanges en “As amistades peligrosas”. No estudio da RTMP, Radio Televisión Municipal de Ponteareas, Roma Tébar declinaba un latín perfecto en cada entrevista que lle facía ao daquela alcalde, que era a mesma persoa que a contratara para Anarrosear a diario dende o seu xoguete, ao fronte do cal, como director, colocara ao seu xenro e que contaba, como presentadora estrela, coa súa filla, a agora candidata do Partido Popular en Ponteareas Mari Nava Castro.

O modus operandi dos populares que agora queren retornar era o seguinte: Cos vosos cartos, en vez de investilos en melloras para a vila, monto un chiringuito, que custa un pastizal, dende o cal fago campaña electoral e manipulo información os 365 días do ano, excepto os anos bisestos, que entón serán 366, de paso doulle traballo ao meu xenro, filla, seudo xornalistas, fillas de concelleiros, amigos… e machaco a todo aquel que ouse criticar as miñas decisións. “Por y para Puenteareas”.

A ética vertebraba cada unha das actuacións do Partido Popular na Vila do Corpus.“Puenteareas camino de ser ciudad” era o lema co cal xustificábase a construción de moles de formigón e os continuos atascos de tráfico no centro urbano.

“Sorprende que con estes antecedentes, o Diario Atlántico, xornal moi lido na zona de Ponteareas e de recoñecido prestixio, teña en nómina a alguén que cando escribe sobre a nosa vila preséntaa como un lugar ‘sucio’, ‘violento’, ‘contaminado’, ‘abandonado”

Sorprende que con estes antecedentes, o Diario Atlántico, xornal moi lido na zona de Ponteareas e de recoñecido prestixio, teña en nómina a alguén que cando escribe sobre a nosa vila preséntaa como un lugar “sucio”, “violento”, “contaminado”, “abandonado”, “onde non se pode aparcar”, “na que os veciños están indignados porque na rúa só hai debuxiños”, “bancos inservibles”, “praias contaminadas das que foxen para bañarse en Salvaterra e Covelo”, “olas de vandalismo incontrolado”, “falta de seguridade”, “camioneiros dándose á fuga tras derrubar árbores”, “pacientes de idade avanzada deambulando polas rúas á vista de todo o mundo” e onde “o saneamento fai augas” e a “piscina está a piques de colapsar”.

Tampouco se corta en verter calumnias, como cando relacionou a peonalización coa morte dun veciño ao que unha ambulancia non puido asistir porque, segundo ela, os bancos e maceteiros que hai nas rúas impedíanlle o paso. Pouco despois o xornal, Roma Tébar non deu a cara, tivo que desculparse e retirar da súa páxina web o bulo. Esa mala baba que utiliza en cada un dos seus artigos non a emprega cando escribe sobre o resto dos concellos, sexan da cor que sexan. Pregúntome de quen é agora a man que abanea a súa pluma e que intereses se esconden detrás deste xornalismo que non fai outra cousa que degradar a profesión e que seguro avergoñará aos seus compañeiros.

Creo que, o Diario Atlántico, se quere seguir sendo un xornal de referencia na zona, debería contrastar antes de publicar noticias falsas e explicar porque traballa na súa redacción alguén que, de sobra saben, minte a sabendas de que o fai.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.