Oito institucións agrúpanse nun proxecto destinado ao desenvolvemento da nanotecnoloxía na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

20 grupos de investigación da USC participan nesta iniciativa
Santiago – AGN | A nanotecnoloxía é o eixe ao redor do que se acaban de agrupar oito institucións da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, co obxectivo de fortalecer os vínculos neste campo. Para logralo, púxose en marcha o proxecto Nanovalor, concibido para impulsar a competitividad de forma estratéxica e unha verdadeira cooperación territorial neste ámbito. a iniciativa conta con financiamento de fondos europeos.
Ao lado galego, participarán nesta iniciativa 20 grupos de investigación interdisciplinares da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) e a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste. En canto ao norte de Portugal, os integrantes son a Universidade de Minho, coordinadora do proxecto, o Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía, Tecminho, Inescporto e a Universidade de Porto.
Nanovalor intentará potecenciar o fluxo de recursos humanos, científicos e económicos entre estas institucións. Así, as principais accións que acometerá serán a creación de modelos eficaces de transferencia de tecnoloxía, adaptados ás actividades de I+D desenvolvidos neste ámbito na eurorrexión.
Deste xeito, o proxecto traballa xa nun censo de investigadores e empresas vinculados con este campo, primeiro paso para o establecemento de comunidades de investigación, desenvolvemento e innovación especializados. Así mesmo, este censo permitirá promover a innovación en produtos, servizos e procesos, a través da valoración conxunta dos resultados de I+D.
UN CAMPO DE REFERENCIA
O campo da nanociencia e a nanotecnoloxía é un área con proxección de futuro e marcado carácter interdisciplinar. Nanoterapia e diagnosis, liberación de fármacos, medicina regenerativa ou nanomateriales son algúns dos ámbitos de aplicación do traballo realizado nos últimos anos nos laboratorios da USC. Estes estudos teñen especial incidencia para a saúde, a medicina, a farmacia, a alimentación ou a agricultura, entre outros sectores económicos.