Ocultadores do Reino de Galiza.

“A verdade non importa, o importante é España”. Esta frase podería ser dun oficial españolista da Garda Civil ou ben dun fiscal, xuíz rancio ou Ministro do Interior español, co gallo dunha das súas montaxes, pero eu voulla atribuír a un prestixioso historiador español, reputado medievalista e ocultador do reino de Galiza nos seus libros de Historia, a pesares da súa abrumadora presenza nas fontes internas e externas: Claudio Sánchez Albornoz. Nos seus manuais de Historia medieval, polos que estudamos na Universidade de Santiago, non se fala do reino de Galiza / Galicia, porén Sánchez Albornoz si era consciente de que existiu e nalgunha nota a pé de páxina faino constar. No entanto na historiografía oficial que el axudou a construír o reino chámase “de Asturias ou de León”, non de Galiza como si se fai abrumadoramente nas crónicas e escritos da época. Moitos dos licenciados, algúns dos cales chegaron a profesores, non saben da existencia no reino galego ou calan ao respecto. Sánchez Albornoz foi tamén ministro da II República e Presidente do Goberno no exilio, que compartiu con Castelao en Arxentina. O insigne historiador aínda lle reprochou a Castelao as críticas deste a Castela como asoballadora (Claudio naceu en Ávila), pero Castelao reafirmouse no dito.

Se dubidades das miñas palabras ou queredes máis datos e información acerca da existencia do reino medieval de Galiza, lede o libro de Xerais: “O Reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria” de Xosé Miguel Andrade Cernadas e de Anselmo López Carreira. O libro é moito máis mesurado e erudito, por suposto. Eu non teño porque selo. E, como dicía Milán Kundera no Libro do Esquecemento, “para liquidar os pobos comézase a privalos da súa memoria. Destrúense os seus libros, a súa cultura, a súa historia. E outro escrebe outros libros e dalles unha nova cultura, inventa outra historia, despois diso o pobo comeza lentamente a esquecer aquelo que foi e o mundo darredor esquece aínda máis rápido”. Millóns de cidadáns do Estado séntense invadidos de ardor patriótico español, o mesmo que sen dúbida levou a moitos historiadores a facer esas trampulladas de grande repercusión e gravidade para Galiza e para o pobo galego. Porque nos privan da nosa autoestima colectiva e dunha base histórica para recoñecérmonos e podermos reclamar os nosos dereitos como país. Borrar a historia dun pobo é pretender aniquilado como realidade diferenciada: non coas armas e coa represión como os fascistas, senón coa pruma.

Cando nun documento medieval pon “Regi Gallitie”, “Gallecia”, Galizia” ou se é árabe: “Galisiya” ou “Yilliquiya”, oficialmente, quere dicir reino de Asturias ou de León. Xa o sabedes: así o traducen os historiadores españois que se adican a axudaren a afortalar a idea de Estado-nación. A súa sabiduría consiste en ignorar e manipular o que non convén a tal fin. Pero se Galiza non era o núcleo central e hexemónico do reino, por que o idioma da corte e das cantigas era o galego-portugués?

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.