O Xuventude Mentoring de Ponteareas combina formación con prácticas laborais

O alumnado recibiu os seus diplomas no CEDEP

Ponteareas | O alumnado do programa Xuventude Mentoring na Empresa recibiu os diplomas do curso “Ferramentas de IA para a búsqueda activa de emprego” e “Intelixencia artificial para a mellora do teu CV”. As doce mozas e mozos beneficiarios deste programa reciben formación ao tempo que realizan estadías formativas en empresas locais. A concelleira de Emprendemento e Formación, Silvia Fdez. Táboas, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, achegáronse ata o Centro de Emprendemento (CEDEP) para facer a entrega de diplomas e recoller de primeira man as impresións das e dos mozos participantes.

Este foi o primeiro dos cursos recibidos e nas vindeiras semanas tamén participarán nos cursos “Impulso xuvenil: mentoring e formación para o emprego en Ponteareas (habilidades sociolaborais)”; “Impulso xuvenil: mentoring e formación para o emprego en Ponteareas (motivación para o emprego)”; “Impulso xuvenil: mentoring e formación para o emprego en Ponteareas (coaching para o emprego)” e “Impulso xuvenil: mentoring e formación para o emprego en Ponteareas (entrevista de traballo)”.

Por segundo ano consecutivo o Concello de Ponteareas convértese no único concello galego beneficiario deste programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que brinda oportunidades de inserción laboral á xuventude. O 2º Xuventude Mentoring na empresa ofrece un contacto laboral nos sectores das enerxías renovables, téxtil, automoción, naval, tecnoloxías da información e comunicación e madeira/forestal segundo informa a concelleira de Emprendemento, Silvia Fdez. Táboas. Un 50% das mozas e mozos participantes no 1º programa Xuventude Mentoring na Empresa foron contratados para seguir traballando nas empresas onde realizaron as súas prácticas, un dato que anima aos novos 12 participantes que amplían os seus coñecementos e prestan servizo en nove empresas de Ponteareas e contorna.

Estas empresas xunto á Consellería e o Concello son exemplo de xestión e colaboración para acadar un ben común, o emprego, así o destaca a alcaldesa, Nava Castro, “é imprescindible traballar en equipo, tecendo redes con toda a cidadanía, co comercio, coa industria, co outras administracións porque non vivimos illados e todas e todos dependemos dos demais, hai que escoitar, deixarse aseorar, estar en continua aprendizaxe e ter iniciativa para acadar beneficios”.

Entre os obxectivos do programa está provocar conexións entre a oferta e a demanda e posibilitar que a xuventude atope o seu traballo na súa contorna. “Apostamos pola xuventude, xeramos accións que os promovan, que supoñan plataformas de lanzamento e de aprendizaxe, que poidan formarse na súa vila a través de talleres, da UNED, do centro de dixitalización ou quen emprendan no espazo coworking do CEDEP”

Xuventude Mentoring na Empresa
O programa Xuventude Mentoring na Empresa ofrece estadías formativas para persoas mozas en empresas ou entidades públicas ou privadas, vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia.

A finalidade deste programa é reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo. Entre os obxectivos que persegue está potenciar os programas de educación non formal en que as persoas mozas adquiran os coñecementos e habilidades máis demandados no contexto laboral actual; achegar as persoas mozas á realidade empresarial e mellorar a súa autonomía persoal e crear un ecosistema favorable á creación de oportunidades de emprego xuvenil. Ademais quere favorecer a captación e retención de talento en sectores económicos clave para a economía galega.

Ouletea pecha con máis de 1.300 vendas
A feira Ouletea, organizada polo Concello, pechou as súas portas esta fin de semana cun balance máis que positivo, consolidándose como un dos eventos comerciais e de lecer máis esperados do ano. Durante os días de celebración, vendéronse máis de 1.350 artigos, demostrando o interese do público e o impulso que supón para o comercio local.

As actividades programadas xogaron un papel fundamental para atraer a visitantes de todas as idades. Desde as propostas infantís, pasando por animacións e espectáculos, ata a divertida festa da escuma para cativos, cada momento estivo pensado para ofrecer experiencias únicas. Ademais, as catas de viño foron un atractivo especial para os amantes da enoloxía, achegando un toque gourmet que axudou a dinamizar a tarde e a noite.

O concelleiro de Comercio, Ricardo González, destacou “o excelente ambiente e a gran acollida que tivo Ouletea, tanto por parte dos veciños como dos visitantes, o que demostra que este evento é unha cita imprescindible para dinamizar o comercio e a vida social da localidade”. A combinación de ofertas irresistibles, ambiente festivo e propostas para toda a familia converteu a Ouletea nun punto de encontro imprescindible, reforzando o seu papel como motor económico e social. A alcaldesa, Nava Castro, explica que un dos obxectivos deste goberno é dinamizar o comercio e a Vila con iniciativas que echan de vida as rúas, que impliquen a distintos sectores e que promovan a proactividade de todos eles.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.