O Xamón da Cañiza triúnfa en “Xantar”

Recoñecemento á Feira do Xamón e presenza das adegas de Valeixe

A Cañiza | O Alcalde Luis Piña presentou este sábado os produtos cañicenses na cita gastronómica Xantar, nun acto celebrado ás 12h, no que estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, María José Rodríguez; pola concelleira de Goberno Eva María Rivas; polo experto xamoeiro encargado da demostración; e por José Antonio Estévez, empregado municipal e responsable da organización do stand da Cañiza.

O Concello aproveitou esta edición de Xantar para mostrar a diversidade de produtos e recursos turísticos do municipio. A Feira do Xamón foi o eixo central da presentación, á que se sumaron outros produtos locais de referencia como a mel, os queixos e os viños das adegas de Valeixe, integradas na D.O. Rías Baixas.

O acto serviu tamén para salientar a ampla rede de rutas de sendeirismo que percorren o territorio: a PRG-206 de Fontefría, a PRG-207 da Cidade Castrexa das Grades, a PRG-272 do río Ribadil e a ruta de Luneda, xunto coa PRG-165 das Fragas e Levadas do Calvo e Deva. Tamén se puxo en valor o Mirador do Monte Lapido, inaugurado neste verán, así como as prospeccións arqueolóxicas na Citania Castrexa das Grades, que comezaron hoxe luns e que son visitables polo público, permitindo coñecer de primeira man o avance dos traballos.

Durante a súa intervención, o Alcalde destacou a importancia de Ourense e da súa provincia como aliadas da promoción gastronómica e turística da Cañiza, e puxo en valor o papel de Xantar como plataforma estratéxica para dar visibilidade ao territorio. O Alcalde lembrou que a gastronomía e o sendeirismo continúan a ser dous dos principais motores do turismo de proximidade no concello.

No stand o público puido degustar produtos como o xamón, os queixos «Castro Xaneiro», a mel dos apicultores Inocencio López, Antonio Sendín e Rogelio Rodríguez e os viños “Eido da Fonte” e “Abelán”. A marca cañicense de caracois preparados “ComeCois” tamén participou no certame ourensá así como as marmeladas tradicionais “A Raposeira”.

O Alcalde aproveitou a ocasión para invitar á cidadanía a achegarse á hostalería da Cañiza nestes meses de frío, para saborear os tradicionais cocidos, que nestas datas se atopan na súa mellor tempada.

A organización de Xantar, un ano máis, felicitou ao Concello pola coidada presentación e pola calidade dos produtos ofrecidos, facendo que o stand da Cañiza fose un dos máis concorridos do certame.

Ao rematar o acto, o Alcalde confirmou que “o éxito acadado é froito do traballo e da dedicación dos nosos produtores e adegueiros, que converten os sabores da Cañiza nun valor único e consolidado”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.