O Son da Estación regresa á Rúa de Valdeorras o quince de agosto

A entrada será de balde para todos os públicos

A Rúa | Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia aterran na Rúa o vindeiro 15 de agosto cunha nova edición do ciclo ‘O Son da estación’. A cita, que achega a todos os públicos algunhas das mellores figuras da escena musical galega do momento, conta no seu cartel co talento de Carlos Ares, Mondra, Agoraphobia, Green Angels e KillVir DJ. Así o presentou esta mañá en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nun acto celebrado na Casa do Concello da Rúa.

A Xunta de Galicia dálle cobertura a esta cita singular co talento galego para todos os públicos, con entrada de balde, que terá lugar na Praza da estación da localidade ourensá.

En palabras de Xosé Merelles, “co apoio dos Concertos do Xacobeo, da Xunta de Galicia, O Son da Estación regresa á Rúa cunha proposta fresca que apoia o mellor talento musical galego, cos sons máis ricos e celebrados: do rock alternativo ao pop, da música tradicional á electrónica”. Neste sentido, subliñou que figuras da relevancia de Carlos Ares ou Mondra actuarán en directo para centos de persoas das idades máis diversas, “poñendo en valor a música en vivo en localidades diversas, lonxe de grandes urbes ou os macro festivais, cunha proposta atractiva e auténtica, que enriquece a nosa contorna”.

A voz auténtica e única de Carlos Ares, as súas raíces galegas e os seus sons vangardistas converteron ao artista na grande revelación da escena musical estatal dos últimos tempos. En A Rúa, o músico presentará o seu impecable indie pop e folk, que navega entre a tradición e a modernidade, con cancións que respiran emoción e autenticidade.

Xunto a el, actuará, tamén, Agoraphobia, a troupe de rock alternativo nada en Boiro, que regresou a comezos de ano ás ondas con Eyes Never Lie –o primeiro avance do seu novo álbum que sairá á luz en outono. O público de ‘O Son da Estación’ poderá descubrir en vivo este novo tema, como testemuña de toda a intensidade e as letras profundas da banda, que nunca defraudan. Así mesmo, o premiado artista, cantareiro e bailador Mondra súmase tamén á festa para presentar os temas do seu segundo e recente traballo discográfico DE RONDA, ademais doutros dos seus hits máis celebrados.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.