“O Serán desta aldea” volve a Mondariz

O 29 e 31 de outubro con xornadas do baile comunal

Mondariz | Logo de tres anos de parón despois da pandemia, neste outono do 2023 regresan á vila de Mondariz as xornadas adicadas ao baile comunal, o que nas terras do Condado se coñece como serán.

O domingo 29 e martes 31 de outubro decorrerá a terceira edición de O Serán desta Aldea, xornadas do baile comunal, organizadas pola Asociación de Gaiteiras Galegas coa colaboración do Concello de Mondariz, a Xunta de Galicia e o Cear Castromao de Mondariz. Logo de estar adicadas no 2018 ao lugar do Ceo, e no 2019 ao de Cernadela, a aldea homenaxeada este 2023 é a de Aboal (Mondariz)

Dúas xornadas onde compartir tradición, tocando, cantando, bailando e homenaxeando ás tocadoras e beilladoras da aldea protagonista, reivindicando ás nosas grandes mestras da tradición oral e colaborando a consolidalas como o referente vivo que teñen que ser.

Nesta edición, que se amplía a dous días, homenaxeamos ao barrio de Aboal (Mondariz) e as súas tocadeiras e beilladeiras Benedicta Carballo Suárez, Emérita Alfaia Seoane, Marina Pedreira Alfaro, Orlando Garrido Barral e Raimunda Alfaia Seoane. (No cartel de ezquerda a dereita; Marina, Raimunda e Benedicta. Fotografía de Guillerme Ignacio)

O domingo á mañá contará cun obradoiro monográfico sobre a pandeireta en Aboal impartido por Xandre Outeiro pola mañá na biblioteca, e pola tarde na Praza de Abastos un obradoiro de baile en Aboal impartido por Miguel Souto, ambos mestres e compiladores que fixeron traballo de campo na aldea homenaxeada. O antropólogo Rafael Quintía falaranos sobre o BIC A Foliada, e a seguir teremos un coloquio participativo, moderado por Guillerme Ignacio e no que contaremos con Rafael Quintía e mais con Xulia Feixoo, dous dos redactores do informe técnico para a declaración da foliada como BIC.

O martes 31 ás oito na Praza de Abastos de Mondariz renderáselles homenaxe ás persoas que contribuíron a que o patrimonio musical inmaterial de Aboal poida ser legado ás seguintes xeracións. Catro mulleres (unha a título póstumo) e un home que durante anos atenderon a todo aquel que quixo aprender as músicas e os bailes que fixeron parte da súa mocidade, da súa vida. Por esa importante e desinteresada labor serán recoñecidas publicamente como “Mestras pandeireteiras”.

O culme das xornadas será a continuación, na mesma Praza de Abastos, cun serán ao xeito dos que se recuperaron no Condado a mediados dos anos noventa, con música para o baile feita por todas aquelas persoas ou colectivos que se acheguen a Mondariz neste víspera de festivo.

A asistencia ás actividades é de balde previa inscrición. Para asistir ao xantar de confraternización é preciso inscribirse antes do día 25 de outubro. Pódese realizar a inscrición a través do correo electrónico secretaria@gaiteirosgalegos.gal ou a través de teléfono nos números 986 847 074 – 982 229 966.

Programa
Domingo 29

10.30h. Inauguración

10.45h. Obradoiro “A pandeireta nos seráns de Aboal”. Xandre Outeiro

13.00h. Relatorio “BIC a foliada”. Rafael Quintía

13.45h. Coloquio “A Foliada, un patrimonio a debate” . Con Rafael Quintía, Xulia Feixoo e guiada por Guillerme Ignacio.

14.30h. Xantar de confraternización

17.30h. Obradoiro “O baile nos seráns de Aboal”. Miguel Souto

Martes 31

20.00h. Homenaxe ás pandeireteiras de Aboal (Mondariz).

20.30h. Serán

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.