O Santuario da Nosa Señora da Franqueira, punto estratéxico de peregrinación da Vía Mariana

A Cañiza, sede oficial da Asociación Vía Mariana Luso Galaica
Culto á Virxe da Franqueira na Cañiza.

Textos de R. Mansilla Blanco e M. X. Xiráldez González

A Cañiza | De xeito institucional, o Concello da Cañiza ten unha importancia estratéxica para a Vía Mariana Luso Galaica. Este concello pontevedrés da Comarca da Paradanta acolle a sede oficial da Asociación Vía Mariana Luso Galaica, entidade encargada de promover esta ruta de peregrinación relixiosa.

“A Vía Mariana foi promovida a partir de 2017 na parroquia cañicense de Parada das Achas”

A Vía Mariana foi promovida a partir de 2017 na parroquia cañicense de Parada das Achas. Esta importancia institucional permitiu que, en setembro de 2017, o Concello da Cañiza asinara un convenio coa Asociación de Veciños de Parada-A Paradanta e a Comunidade de Montes de Parada para impulsar a creación dun Centro de Interpretación do percorrido da Vía Mariana, paradas e santuarios, e dun Albergue de peregrinos na localidade de Feirón, na parroquia cañicense de Parada de Achas, de importancia capital para a ruta de peregrinación pola súa situación xeográfica, a medio camiño entre A Peneda e A Franqueira.

Centro de Interpretación da Vía Mariana en Parada de Achas.

Ademais de información para o peregrino, este centro de interpretación pretende tamén ofrecer a cobertura básica para o peregrino e achegar un valor turístico e cultural engadido á comarca da Paradanta e á Vía Mariana pola Cañiza.

“O centro de interpretación confirma cómo a ruta de peregrinación relixiosa estase convertendo nun patrimonio propio para A Cañiza”

Por tanto, o centro de interpretación confirma cómo a ruta de peregrinación relixiosa estase convertendo nun patrimonio propio para A Cañiza, toda vez a Vía Mariana está revalorizando o ecosistema e o atractivo paisaxístico e patrimonial cañicense.

Parada de Achas e a Vía Mariana por A Cañiza
Proveniente do veciño Concello de Arbo, a Vía Mariana transita por A Cañiza a través da estrada PRG-165, ruta denominada Sendeiros dos Bosques e Levadas do Calvo e Deva. Corresponde así á denominada Ruta 6 da Vía Mariana que parte de Arbo ata Parada de Achas, e a Ruta 7 da Parada ata Covelo-A Franqueira. Atopamos aquí unha riqueza natural con enorme beleza paisaxística e rutas sendeiras enroladas dentro do Espazo Natura 2000.

Nestas rutas destacan os Sendeiros das Fragas e Levadas do Río Calvo e do Deva. Cunha ruta de 18 km, o sendeiro recupera camiños esquecidos que rodean o vale de Parada de Achas ata o Coto da Vella, con excelentes fragas, o singular bosque de sobreiras e paisaxes de montaña acompañados polo cautivador son dos ríos Calvo e Deva.

O Santuario da Nosa Señora da Franqueira
O punto central da Vía Mariana ao seu paso por A Cañiza é o Santuario da Nosa Señora da Franqueira, cuxa devoción e culto popular está considerado como festa relixiosa declarada de Interese Turístico de Galicia. Este é o santuario mariano máis importante e antigo da Diócese de Tui-Vigo.

“O punto central da Vía Mariana ao seu paso por A Cañiza é o Santuario da Nosa Señora da Franqueira, cuxa devoción e culto popular está considerado como festa relixiosa declarada de Interese Turístico de Galicia”

Santuario da Nosa Señora da Franqueira.

O santuario da Franqueira atópase nun lugar montañoso da parroquia de Santa María da Franqueira, ao oeste do Concello da Cañiza, a uns 600 metros sobre o nivel do marcon pequenas aldeas espalladas nas que a vida campesiña se mantiña seguindo as pautas tradicionais da economía agrícola e gandeira. O edificio do santuario é a súa vez parroquial.

Conserva gran parte da construción románica, con incorporacións como o actual presbiterio coa súa cúpula e o baldaquino da Virxe, ámbolos dous do século XVII.

A primeira celebración anual é a romaría das “Pascuillas”, cada mes de xuño, o luns seguinte ao domingo de Pentecoste, cincuenta e un días despois da Pascua e a segunda celebración anual é propiamente a romaría da Virxe da Franqueira, os días 7, 8, 9 e o domingo seguinte de setembro, que coincide co nacemento da Virxe María.

No santuario venérase unha imaxe románica da Virxe, probablemente do século XI, cando o edificio pertencía á orde benedictina que o levantara sobre as ruínas dunha antiga capela. Non se sabe con exactitude en que data comezou alí o culto á Virxe; os testemuños históricos máis antigos remíten ao ano 1056, cando o rei Fernando I cedeu as terras de Santa María da Franqueira aos monxes que xa vivían nesa zona.

No século XIII o mosteiro pasou a mans de monxes cistercienses ou bernardos que dependían do mosteiro de Melón. O século XIV foi o da súa plena consolidación edificándose un complexo monástico do que só se conserva a igrexa medieval: o templo actual comezou a construírse en 1343 nun estilo románico serodio.

As Fragas das Levas

As lendas fan sospeitar que as orixes do santuario incluso poderían remontarse ao século VII, época na que se chamaba “Nosa Señora da Fonte”: a lenda conta que no lugar chamado “O Coto da Vella”, na parte alta do monte Paradanta, había unha gruta e debaixo dela unha anciá pastora encontrara unha imaxe da Virxe, noticia que rápido se estendeu entre os habitantes da zona. Tamén se pensa que no lugar do “Coto da Vella” non existiu tal anciá pastora, senón que en realidade rendíase culto a unha deidade pagá.

A Nosa Señora da Franqueira foi celebrada por ilustres escritores como o poeta galego Ramón Cabanillas, do mesmo xeito que o escritor e profesor portugués J. Leite de Vasconcelos fixo o mesmo en Melgaço e noutras localidades do Minho coa Nossa Senhora da Peneda.

A Cañiza, “a terra do bo Xamón de Galicia”
Alén do culto á Virxe da Franqueira, en materia de festividades, se algo caracteriza ao Concello da Cañiza é a súa tradicional Festa do Xamón da Cañiza, declarada de Interese Turístico de Galicia e que celébrase cada 15 de agosto desde a súa primeira realización en 1966.

“Se algo caracteriza ao Concello da Cañiza é a súa tradicional Festa do Xamón da Cañiza, declarada de Interese Turístico de Galicia”

A tradición do xamón na Cañiza remóntase un século atrás, destacando o clima seco e frío desta zona da Paradanta para a curación dos produtos cárnicos do cerdo, en especial o xamón. Outros produtos culinarios como o queixo, a mel e o viño son tamén celebrados ao carón desta festividade. Por esta razón, A Cañiza é coñecida como “a terra do Bo Xamón de Galicia”. En marzo tamén celébrase a Festa do Lacón con Petelo.

A oferta gastronómica cañicense complétase con varios establecementos hostaleiros que permiten degustar estes produtos, entre os que destacamos “Os do Resero”, “Reveca” e “Casa Elixio”, onde podemos apreciar especialidades cárnicas, o clásico xamón da Cañiza e tamén lamprea de temporada, acompañados todos eles de exquisitos viños locais.

Adicionalmente, A Cañiza conserva un importante acervo en canto a patrimonio arquitectónico que adornan as súas parroquias, con salientables igrexas e capelas, pazos e casas señoriais, cruceiros, un castro celta (A Citania Celta da A Cidade, aínda por rehabilitar), petos de ánimas, muíños e pontes románicas que o peregrino da Vía Mariana poderá observar durante o seu traxecto.