O roubo da luz.

A suba xeralizada a nível do Estado do prezo da electricidade, por mor da nova tarifa no mercado regulado dende o 1 de xuño deste ano, o feito de producirmos na Galicia un 31% de enerxía superavitaria (descontando xa a queda enerxética das térmicas de Meirama-Cerceda (Naturgy) e As Pontes (Endesa), que exportamos ao resto do sistema estatal sen nos aproveitar de beneficio ningún e maila enxurrada de proxectos eólicos que non compensan nin ao País, nin aos propietarios nin ás comunidades locais polos seus custos ambientais, paisaxísticos e económicos (a produción eólica degrada e ás veces imposibilita a produción agrogandeira na súa área de proximidade) xeraron na Galicia a respecto da electricidade a treboada perfecta.

Velaí que cumpra entender o veto do martes 14-S do PPdeG e do PSdeG á proposta do BNG no Parlamento de Galicia para unha tarifa eléctrica galega que posibilite rebaixar a luz ás nosas persoas consumidoras e empresas (resolvendo o problema gravísimo das nosas industrias electrointensivas) como proba dunha servidume absoluta aos intereses dos aparellos centrais de ambos os dous polos do bipartidismo unionista-dinástico, sinalados polas portas xiratorias de ducias de ex presidentes e ministros do Goberno do Estado que accederon a importantes cargos de administración, xestión ou consultoría das empresas do oligopolio eléctrico.

Moito máis chocante se ollamos aos Presidentes castelán-leonés Alfonso F. Mañueco (PP) e aragonés Javier Lambán (PSOE) propor unha tarifa eléctrica que rebaixara a conta da luz para cadansúas rexións como territorios produtores. U-la dignidade política e o patriotismo de Alberto Núñez Feijóo e Gonzalo Caballero?

Mais con ser fulcral para o noso País rematar con esta usurpación económica (facernos producir enerxía asumindo graves custos ambientais e económicos e consumila ao mesmo prezo ca os territorios consumidores como Madrid), son esenciais tamén mecanismos fundamentais de reforma do mercado eléctrico, como o control dos prezos das enerxías hidroeléctrica ou nuclear, crear un operador eléctrico público galego ou (como adoita afirmar o presidente de ACOUGA, Manuel Pérez Arias) potenciar a xeración aló onde se consume, para ir reducindo o custo da rede do transporte eléctrico, o input non fiscal máis importante.

As medidas fiscais (rebaixa do 5,1% ao 0,5% do imposto sobre a electricidade, do 21% ao 10% do IVE e a suspensión do imposto de xeración eléctrica) do Goberno do Estado non son abondas.

“Precisamos dunha reforma global que remate coa pobreza enerxética e permita que Galicia poida desfrutar dunha electricidade máis barata”

Precisamos dunha reforma global que remate coa pobreza enerxética e permita que Galicia poida desfrutar dunha electricidade máis barata para as nosas familias e empresas.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.