A vella nación caledonia, referente atlántico de civismo, europeísmo e pulsión democrática, encamíñase o vindeiro 7-M a unhas eleccións que van ser un plebiscito sobre a súa propia existencia como suxeito político. Non estamos diante dunha simple renovación de escanos no Parlamento de Holyrood, senón na véspera do ataque dun populismo extremista británico que quere converter Edimburgo nunha sucursal da dereita mais xenófoba e uniformadora de Westminster.
O sistema electoral escocés, o Additional Member System, é unha arquitectura de proporcionalidade electoral pensada para o consenso, lonxe do rodete maioritario de Londres. Dos 129 deputados que conforman o Parlamento, 73 elíxense de xeito directo polo sistema maioritario simple en cada circunscrición (constituencies), mentres que os 56 restantes son eleitos a medio do sistema proporcional D’Hondt a medio de candidaturas rexionais plurinominais.
Un elemento fortemente corrector da elección maioritaria que semella seguirá a priorizar o soberanismo do Scottish National Party (SNP). Mais arestora este deseño, que durante décadas favoreceu coalicións estábeis, enfróntase ao paradoxo de que o ascenso do populismo extremista poida atomizar a Cámara até o seu bloqueo, axudado polo inmobilismo de conservadores e laboristas.
“O taboleiro de partidos debuxa unha xeografía política en tensión”
O taboleiro de partidos debuxa unha xeografía política en tensión. O SNP, de John Swinney, busca revalidar a súa hexemonía histórica como único garante dunha Escocia soberana e socialdemócrata. Fronte eles, laboristas e conservadores aparecen como comparsas dunha política británica que xa non ofrece respostas ao norte do Tweed. Mais o dato perturbador destas idus de maio de 2026 é a irrupción volcánica da filial escocesa do Reform UK de Nigel Farage, que ameaza con concentrar tanto o voto do descontento como os sectores máis viscerais do unionismo.
As enquisas publicadas ao longo do mes de abril reflicten un escenario de polarización absoluta. O SNP, logo dun importante período de desgaste e mudanzas de liderado (Swinney é o terceiro first minister da lexislatura que está a rematar, logo de Nicola Stugeon e Humza Yousaf) seica logrou estabilizarse arredor do 34-35% de intención de voto nas constituencies uninominais, mais periga fronte ao Reform UK nas circunscricións plurinominais rexionais, onde o partido de Farage medrou ata un insólito 20%. As sondaxes indican que un de cada cinco escoceses podería optar pola papeleta da extrema dereita populista, alimentada por unha mensaxe que mestura o nacionalismo supremacista británico coa crítica ferreña á axenda progresista do soberanismo escocés.
“As enquisas publicadas ao longo do mes de abril reflicten un escenario de polarización absoluta”
Por que a elección ficou nun loita entre o first minister John Swinney e a sombra de Farage? Porque o SNP é hoxe a única estrutura institucional con capacidade de resistencia fronte ao asimilacionismo. Swinney, coa súa imaxe de xestor sobrio e «home de Estado», personifica á Escocia que quere decidir por si propia. No outro extremo, Reform UK non busca gobernar Escocia para mellorala, senón para desfacer dende dentro a autonomía, o feito diferencial e o benestar, ao xeito en que a extrema dereita española ataca ás nacións galega, catalá e vasca.
É díficil –mais non imposíbel- que se dea unha maioría absoluta (65 escanos) do SNP. Velaí que moi probabelmente haxa precisar a alianza cos verdes escoceses. O intelixente sería que o soberanismo dirixise os seus votos nas circunscricións rexionais a consolidar este eventual socio político, pois é moi difícil que o gañador das circunscricións uninominais quite un bo resultado en escanos nas circunscricións rexionais de escrutinio proporcional, polo carácter corrector do escrutinio nesta caste de distritos plurinominais.
Se o nacionalismo democrático do SNP liderado por Swinney non da freado a demagoxia de Farage, o Reino Unido entrará nunha fase de recentralización salvaxe. Para Galicia, a lección é clara: a integración e inclusión sociais e o progreso económico só son posíbeis dende a afirmación nacional.
O 7-M a vella Caledonia non só elixe 129 deputados. Elixe seguir a ser motor dunha Europa das nacións ou se converter no parque temático dunha Inglaterra que semella ollar cara ao pasado.





