
Santiago de Compostela | A ‘XXX Olimpiada Informática Española (OIE)’ celebrouse esta fin de semana na Escola de Enxeñaría Informática da Universidade de Valladolid e contou coa participación de 42 estudantes de todo o país, seleccionados entre os mellores talentos en programación.
Trátase dunha competición de programación algorítmica destinada a estudantes de ensinanza secundaria e bacharelato de toda España. O seu obxectivo é fomentar o talento en informática e a resolución de problemas computacionais, preparando aos mozos e mozas para retos académicos e profesionais de alto nivel.
O gañador da Olimpíada Informática Galega, David Lago Alonso, estudante de 2° Bacharelato no IES Pedro Floriani de Redondela, foi o terceiro clasificado da Olimpiada Informática Española, conseguindo unha medalla de ouro na clasificación.
O segundo participante galego, Nicolás Freiría Casal, estudante de 2° Bacharelato do IES Ribeira de Louro do Porriño, estivo preto das medallas alcanzando o posto 19 da clasificación e recibindo unha mención.
Os catro primeiros clasificados (as medallas de ouro, entre eles David Lago) compoñerán a delegación española que participará na Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará do 9 ao 16 agosto en Uzbekistán.




