O realizador Ángel Castro obtén un histórico triunfo no Festival de Cans

Con catro premios pola curta "Alicia fai cousas"

O Porriño | A XX edición do Festival de Cans baixou o pano co acto de entrega de premios nas distintas categorías competitivas do certame. O gran gañador desta edición foi o realizador Ángel Santos (Marín, 1976), que obtivo catro dos premios principais: Mellor curtametraxe de Ficción, Mellor Dirección, Mellor Guión e Mellor Protagonista Feminina coa curta “Alicia fai cousas”.

Trátase dun triunfo histórico en Cans xa que ninguén ata o de agora conseguira gañar en catro categorías tan importantes coa mesma curtametraxe.

“Alicia fai cousas” conta a historia dunha moza de 25 anos á quen se lle meteu na cabeza que está aburrida e mentres se prepara para unha audición pensa se debería apuntarse a algún curso ou se vai ou non a unha festa. O guión premiado é do propio Ángel Santos e de Pablo García Canda e o premio á mellor actriz foi para a súa protagonista, Alicia Armenteros.

Angel Santos é un cineasta cunha longa traxectoria que xa presentou en Cans en 2015 a longametraxe “Las altas presiones” e que na pasada edición do certame obtivo o premio ao Mellor Guión por “Así vendrá la noche”. O xurado (composto por Santi Prego, Isabel Ruíz Lara, Carla Subirana, Alberte Branco e Nerea Barros) xustificou o galardón á Mellor Curta de Non Ficción a “Alicia fai cousas” pola determinación amosada para ir á contra da linguaxe dominante.

O resto de premios na categoría de Ficción/Animación foron para Eduardo Rodríguez Cuña “Tatán” (Mellor Actor por “O coidado”), Mario G. Cortizo (Mellor BSO por “O neno sardiña”) e Paula Quiroga (Mellor Fotografía por “Ulises”). Ademais, o xurado fixo dúas mencións especiais, unha para o director Félix Brines polos seu traballo en “Ulises” e outra para os guionistas Lorena Ares e Carlos Fernández por “Amanece la noche más larga”.

Premios nas seccións Furacáns e Novas Camadas 
Na sección Furacáns, dedicada ás curtametraxes de non ficción, o premio foi para a curta “Mariví, na pel da memoria”, das irmás Coral e Laura Piñeiro, que conta a historia da correspondencia entre dúas persoas que naceron na mesma vila.

Unha delas é Mariví, a filla dun alcalde republicano que tivo que exiliarse con 14 anos por culpa do golpe franquista. O xurado tamén fixo unha mención especial á “Ningún Deus”, opera prima de Miriam Opazo Ojea.

No que se refiere á sección Novas Camadas, na que competiron os realizadores menores de 25 anos, o premio foi para “Despois de ti”, da realizadora Paula Pereira. É unha curtametraxe rodada nas Illas Cies dentro do concurso de curtas “Desafío Illas Cíes”.