O Punto Limpo da Cañiza mellora na xestión de residuos

Reformada a instalación cun investimento da Xunta de Galicia

A Cañiza | O Alcalde Luis Piña visitou as obras de mellora do Punto Limpo, acompañado polo xerente da empresa adxudicataria, ANCARIA S.L., co obxectivo de comprobar o avance dos traballos que se están desenvolvendo desde mediados de outubro para reformar a instalación.

Esta actuación, cun investimento de 30.697,70 €, está subvencionada nun 74,4 % (22.832,99 €) pola Xunta de Galicia, a través da Liña 1 de Mellora dos Puntos Limpos existentes na Comunidade Autónoma, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU), tendo que aportar o Concello, con cargo aos seus recursos, o 25,6 % restante, un total de 6.750 €, ademais dos gastos derivados da instalación e posta en funcionamento do novo servizo de vixiancia.

O Punto Limpo, en funcionamento desde o 12 de novembro de 2007, é unha infraestrutura municipal destinada á recollida de residuos domésticos especiais (non comerciais, nin de procedencia empresarial) que non poden depositarse nos colectores habituais. Co paso dos anos, e debido ao uso continuado foi necesario acometer unha reforma integral para mellorar a súa funcionalidade e reforzar a seguridade da instalación.

As obras, actualmente en fase de execución, inclúen:

– Eliminación da arboleda perimetral de tuyas, co obxectivo de abrir visualmente a instalación, mellorar a transparencia e evitar situacións de furtivismo, incrementando así a seguridade e o control da zona.

– Melloras no control de acceso: instalación de automatismos para a apertura de portas, substitución do peche perimetral e renovación da iluminación exterior con sistemas de baixo consumo.

– Adquisición de novos contedores: un contedor metálico de 2,5 m³ para residuos téxtiles e dous contedores de 30 m³ para voluminosos e metálicos.

-Instalación dunha segunda cámara de vixiancia que permitirá detectar posibles intrusións ou incumprimentos das normas de uso, facilitando a aplicación de expedientes sancionadores no seu caso.

-Elementos informativos: colocación dun panel explicativo coas normas de uso e entrega axeitada dos residuos.

-Formación do persoal municipal en materia de reutilización e clasificación de materiais.

O Alcalde lembrou tamén que o servizo de Punto Limpo segue en activo, aberto todos os venres en horario de 8h a 15h e complementado polo servizo municipal de recollida de voluminosos polas parroquias, é decir, os enseres que un particular non pode – polo seu volume ou peso – transportar ata o punto limpo ( grandes mobles, electrodomésticos e colchóns ). Un Servizo que se realiza o último xoves de cada mes, facilitando así a xestión dos residuos voluminosos, evitando vertidos incontrolados e cun coste de 10€ de taxa por recollida para axuda do transporte.

Durante a visita, o Alcalde destacou que “poñer orde na xestión deste servizo non foi tarefa sinxela, pero estanse a dar pasos firmes para garantir un Punto Limpo máis eficiente e útil para todos”.

Luis Piña explicou que, nos últimos tempos, o Concello tivo que facer fronte a diversas dificultades derivadas do uso inadecuado das instalacións e da manipulación irregular dalgúns residuos eléctricos e electrónicos, alterados para extraer compoñentes valorizables.

“Este tipo de prácticas supoñen un prexuízo para todos, porque converten un residuo que podería retirarse sen custo —xa que as empresas xestoras pagan ao Concello pola súa recollida— nun residuo (chatarra) con gasto para o Concello e, en definitiva, para toda a veciñanza”. Con esta intervención, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora dos servizos públicos, a sostibilidade e o coidado do medio ambiente, apostando por un modelo de xestión máis responsable, transparente e eficiente.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.