O PSdeG renovou as asambleas locais en Ourense

O obxectivo é reforzar o partido e traballar para as municipais de 2027

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar unha sesión ordinaria da Comisión Executiva Provincial na sede provincial esta tarde na que se trataron cuestións de diversa índole orgánica, política e social. As e os socialistas anunciaron a celebración do Comité Provincial – máximo órgano socialista entre congresos – que terá lugar o vindeiro mércores 16 de xullo na cidade de Ourense.

Deuse conta do traballo realizado ao longo dos últimos meses, logo do V Congreso Provincial. As e os socialistas aproveitaron os meses de maio e xuño para celebrar as diferentes asembleas das agrupacións municipais socialistas da provincia. Celebráronse 56, das que 51 foron vía asemblea e 5 a través das xestoras.

Dende o PSOE ourensán destacan a “importante renovación orgánica” levada a cabo nas asembleas, onde segundo apuntan “máis do 50% dos secretarios xerais municipais mudaron, sendo 29 deles novos membros”. As e os socialistas poñen en valor “a importancia destes procesos orgánicos, co obxectivo de reforzar o partido e comezar a traballar con vistas aos comicios municipais de 2027 nos que se buscará mellorar os resultados acadados en 2023 e aumentar o número de alcaldías”.

Os informes do secretario xeral provincial e da secretaría de organización deron conta de que todas as agrupacións da provincia que celebraron as asembleas municipais “terán representación no Comité Provincial”. Unha representación que foi escollida pola militancia e o PSdeG-PSOE de Ourense subliña que “volvemos a amosar que a participación democrática de toda a militancia prima a hora de seguir a construír o mellor proxecto socialista para a provincia”.

Estes representantes escollidos polas agrupacións locais súmanse aos membros xa nomeados no pasado congreso provincial, aos elixidos a través das agrupacións con menos de 5 militantes, reunidas en asembleas intermunicipais, e aos 4 membros das Xuventudes Socialistas. Entre todos suman un total de 150 persoas que terán voz e representación no Comité Provincial.

Trece agrupacións terán ademais representación no Comité Nacional Galego, tras ser escollidas estas persoas a través das reunións comarcais. Son un total de 22 membros, que xunto aos 8 xa designados pola Comisión Executiva Galega, e aos xa escollidos no Congreso Galego, serán a representación da provincia neste órgano.

O vindeiro mércores 16 de xullo celebrarase o primeiro Comité Provincial deste mandato e tamén se convocarán en próximas datas as coordinadoras comarcais para a elección do coordinador de cada comarca, antes do 16 de xullo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.