O PSdeG pide que a Deputación de Ourense explique a paralización do museo antropolóxico de Sotelo Blanco

Sostén que no cemiterio de Castro Caldelas están almacenadas 236 pezas etnográficas

Ourense | O grupo provincial socialista preguntará ao grupo de goberno da Deputación de Ourense no pleno do vindeiro venres sobre a situación do Museo de Antropoloxía de Castro Caldelas e o estado de cousas da colección etnográfica de Olegario Sotelo Blanco. A demanda, conducida polo deputado Diego Fernández Nogueira, busca esclarecer en que punto se atopa un proxecto cultural paralizado durante máis de sete anos e obter explicacións sobre as razóns desta “demora inadmisible que compromete seriamente a preservación dun valioso patrimonio etnográfico da provincia ourensá”.

O deputado socialista inquirirá ao goberno provincial sobre o estado actual do proxecto e que actuacións concretas se están desenvolvendo para a súa posta en funcionamento. Tamén esixirá explicacións sobre as razóns exactas da demora de máis de sete anos na apertura desta infraestrutura chamada a ser referente cultural e demandará que medidas adoptará o goberno para resolver definitivamente a situación e garantir a apertura a curto prazo da colección etnográfica.

As pezas atópanse actualmente almacenadas no cemiterio de Castro Caldelas, evidenciando unha preocupante falta de respecto cara ao patrimonio cultural e unha xestión descoidada dos recursos públicos investidos no edificio.

Preguntas para esclarecer a situación
En 2017, o editor e investigador Olegario Sotelo Blanco, de Mazaira (Castro Caldelas) realizou unha “cesión extraordinaria” á administración provincial dunha densa colección etnográfica composta por 236 pezas dun elevado valor patrimonial. Esta escolma, froito de décadas de traballo de investigación e recompilación, foi doada coa esperanza e a promesa de que a Deputación preparase un edificio acaído para a súa exhibición pública e contribuíse ao enriquecemento cultural da comarca Trives-Caldelas. Porén, transcorridos máis de sete anos desde a cesión, o museo permanece pechado ao público nunha situación que o propio doante cualifica de “secuestro” por parte da Deputación.

“A situación resulta nomeadamente grave cando se constata que a falta de transparencia e información pública sobre este asunto impide coñecer o verdadeiro alcance dos recursos empregados e os motivos polos que o proxecto se mantén paralizado”, considera Fernández Nogueira. Segundo este, “a preservación e posta en valor do patrimonio cultural e etnográfico constitúe unha das competencias fundamentais da Deputación de Ourense, que debe velar pola conservación das manifestacións culturais que conforman a identidade dos nosos pobos”.
A conclusión é clara para o edil socialista, evidenciando esta parálise “deficiencias na xestión cultural da institución provincial que comprometen seriamente a preservación dun valioso patrimonio etnográfico e cuestionan o compromiso real da Deputación coa cultura galega”. No centro da foto o editor e escritor caldelao Olegario Sotelo Blanco, que foi presidente do Centro Galego de Barcelona.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.