O PSdeG laiase do falecemento do artista e militante ourensán Juan Manuel Lazcano Novoa

“Pirucho” foi director do Inem, delegado da Cotop e pintor abstracto

Ourense | Acaba o mes xullo cunha moi mala nova para todas as amizades, compañeiros e compañeiras socialistas como é o pasamento do ourensán nado en Pontevedra Juan Manuel Lazcano Nóvoa, “Pirucho” para todas as persoas que o coñecían.

Foi -é, porque segue nos nosos corazóns- unha boa persoa, un ‘bo vivant’, un artista, comprometido coa xente e a realidade que lle rodeaba, un amante do Entroido e dunha boa conversa acompañada dalgún rico caldo.

Ese compromiso social materializouse xa na ditadura coa súa militancia no Partido Socialista Galego (PSG), organización que lle confiou a representatividade legal en 1977 da Candidatura Democrática Galega ao Senado por Ourense, proposta que incluía a Celso Emilio Ferreiro Míguez (PSG), Jesús Docampo Mosquera (MCG) e a Celso Montero Rodríguez (PSOE), que foi o único elixido.

Anos despois comezou a súa militancia no PSdeG de Ourense, primeiro na agrupación da cidade e posteriormente na de Barbadás. Vivía na parroquia de Piñor, na casa na que pasou a súa infancia a escritora Carmen Martín Gaite, e que forma parte do Paseo Literario na súa honra organizada polo Concello local e que el mostraba con toda satisfacción.

Ocupou a Dirección Provincial do INEM e tamén foi responsable da Delegación da Consellería de Obras Públicas. En palabras doutro bo socialista como é Miguel Fidalgo Areda, “Pirucho foi unha persoa que unía un sentido de vangarda e innovacion cunha dose de eficacia inédita na Xestión Pública nesta Terra e un ánimo alegre e divertido, amigable e unha infinidade de cualificativos”.

Cando chegou á súa xubilación como funcionario retomou con máis forza e dedicación a súa afección ao mundo da arte con múltiples exposicións. Dicía Pablo Picasso que “un pintor é un home que pinta o que vende. Un artista, en cambio, é un home que vende o que pinta”. Ese era el.

Atoparémolo de seguro nese universo onde se xuntan os e as artistas, amantes da creación, do viño, da inspiración e do amor á xente. Como deixou escrito a propia Martín Gaite: “Nunca está uno libre; el que no está atado a algo, no vive… Las verdaderas ataduras son las que uno escoge, las que se busca y se pone uno solo, pudiendo no tenerlas”. Nese universo no que está a boa xente, persoas que se entregaron aos demais como fixo o compañeiro Pirucho, que se atou aos demais.

Desde as direccións das Executivas provincial e municipais de Ourense e Barbadás do PSdeG, e en nome de toda a militancia e simpatizantes, queremos enviar á súa viúva e fillas nestes duros momentos unha forte aperta. Propietario da foto: La Región (Ourense)

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.