Viana do Bolo | A moción de censura presentada polo PSdeG-PSOE e o BNG prosperou e Viana do Bolo terá dende hoxe un novo goberno municipal progresista que garante a estabilidade política e impulsará unha xestión municipal “responsable e transparente”. O obxectivo é establecer un marco de cooperación institucional baseado na corresponsabilidade efectiva, solidaria e leal de ambas forza na acción de goberno municipal.
Germán García-Ávila Arias asumiu hoxe o cargo de alcalde e gobernará o municipio ata o 18 de agosto de 2026, momento no que tomará o relevo un representante do BNG ata o final da lexislatura. Para garantir a participación equilibrada de ambas formacións na xestión municipal, crearase unha xunta de goberno local integrada por dous membros de cada grupo político, cuxos representantes serán elixidos polas respectivas organizacións.
Dende o grupo municipal socialista destacan que “apelaremos a boa vontade dos e das veciñas para que, entre todos, fagamos unha Viana máis amable, máis habitable para as e os que vivimos nela e máis presentable para aqueles que nos visitan”. Neste senso tamén apuntan a que “non regatearemos esforzos para dialogar, convencer e tratar de evitar medidas coercitivas”. Asemade subliñan que “desde este intre, non representamos ningunha sigla política, representamos a toda Viana e só nos moverá o interese en arranxar os problemas da veciñanza”.
O novo alcalde de Viana do Bolo, o socialista Germán García-Ávila Arias, manifestou que “é unha honra representar ao pobo de Viana e un inmenso orgullo asumir a responsabilidade e o reto que supón responder e dar solucións aos problemas da veciñanza”. Asemade tamén apuntou a que “con frecuencia se di que non hai nada máis importante que se alcalde do teu municipio, pero non estou de acordo, hai algo máis importante, ser alcalde de Viana e nada me gustaría máis que estar a altura da veciñanza e ser quen de resolver os seus problemas e carencias”.
O novo alcalde socialista tamén apelou ao “diálogo” entre tódalas formacións políticas, afirmando que “somos veciños e veciñas, existen lazos moi fortes, pero a pesar das diferenzas ideolóxicas temos que manternos unidos e traballar xuntos polo ben de Viana do Bolo”. Germán García-Ávila Arias apuntou tamén que “non nos ides encontrar na liorta, pero si na concordia, no diálogo, na escoita, no entendemento e nos acordos para arranxar os problemas da nosa veciñanza”.
O novo rexedor subliñou que a nova etapa que se abre estará marcada por un goberno “coas portas abertas a toda a cidadanía, xa que o concello e a súa casa e non teñen que pedir permiso para entrar”. Asemade puxo de manifesto que “non hai cores políticas, nin se precisa carné de ningún tipo, xa que o concello estará aberto a todo o mundo e trataremos de solucionar os problemas de todo aquel que o precise”.
García-Ávila Arias convidou aos demais membros da oposición a que “aporten a súa experiencia e dean traslado das ideas e peticións que lles fagan chegar, co fin de atender todas e cada unha delas na medida do posible”. Neste senso tamén lembrou que “nos últimos anos, nós traballamos en propor ideas e melloras, así como en aportar de forma construtiva polo ben de Viana e agardemos que así siga sendo”.