O PSdeG de Ribadavia denuncia que o PP privatiza o servizo de Urbanismo

Ve interese en beneficiar a “amiguetes e afíns”

Ribadavia | O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia que o goberno municipal do Partido Popular privatiza o servizo de urbanismo con fins “escurantistas” e co obxectivo de beneficiar a “amiguetes” e “afíns” en troques de darlles as mesmas oportunidades a toda a veciñanza. Os socialistas pregúntanse “que ten que agochar o alcalde?”, despois de que nos últimos meses se opte por unha empresa externa para informar das obras tanto municipais, como de particulares, así como das expropiacións que se están levando a cabo.

Dende o grupo municipal socialista explican que en 2024 o PP vendeu a “bombo e platillo” a RPT, aprobada en sesión plenaria”. Unha RPT na que se realizou unha modificación para que o concello puidese contratar unha arquitecta técnica. Ata entón, o consistorio tiña dúas prazas de arquitecta superior no servizo de urbanismo, que tiñan perfectamente definidas as súas áreas de traballo”. Neste senso, as e os socialistas afirman que “durante os mandatos dos gobernos socialistas a veciñanza era igual a efectos urbanísticos e as normas se aplicaban de igual forma para todos, pero coa chegada do PP isto cambiou por completo, optando por beneficios a uns en detrimento da maioría”.

Explica o PSdeG que o alcalde, César Manuel Fernández, e o seu equipo de goberno optou agora por contratar unha empresa externa, que informe sobre as obras no municipio, en lugar de aproveitar a praza creada a través da RPT. Esta situación xera “moita desconfianza” no municipio, xa que tal e como apuntan no PSOE “moito nos tememos que o PP trata de agochar algo detrás desta privatización”.

Asemade, o PSdeG apunta que “a día de hoxe o servizo de urbanismo é un caos total, xa que esta persoa externa informa das obras, e a propia arquitecta municipal non está informada dos expedientes”, algo que tal e como subliñan “non xera moitas dúbidas legais porque creemos que esta persoa externa non ten a capacidade técnica para firmar certos expedientes”.

Denuncia que “detrás de todo isto está o alcalde, que dependendo da persoa que presenta un expediente decide se o leva a funcionaria pública ou esta persoa externa”. Neste senso sinalan que “estamos ante unha situación esperpéntica e moito nos tememos que a base de dedazo, o alcalde pon normas máis ríxidas para uns que para outros e aplica a normativa segundo lle convén”.

Escurantismo
Dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia tamén apunta a “falla total de información por parte do goberno municipal”, xa que tal e como apuntan “levamos dous anos e medio solicitando que se nos aclare esta situación e outras moitas, pero só nos atopamos co silencio do alcalde e do seu equipo, que incluso se chegan a poñer nerviosos cando insistimos”.

Con respecto a privatización do servizo, apuntan a que “esta persoa ou empresa, porque non sabemos a forma xurídica, xa que non se nos informa, só que é un contrato menor outorgado a dedo, está informando de obras públicas na que ela mesma foi a encargada de redactar o proxecto. Unha situación que consideran escandalosa “xa que non podes ser arte e parte e informar dunha obra que ti mesmo redactache”. As e os socialistas tamén poñen en entredito a decisión de Fernández de contratar con unha empresa ou persoa de fora de Ribadavia, sinalando que “aquí contamos con estudos de arquitectura, que se poderían contratar, xa que coñecen a realidade do municipio e a veciñanza” e apuntan a que “se o alcalde opta pola privatización, o mínimo e que sexa con empresas ou persoas da vila”.

Tamén denuncia, ao igual que outros grupos políticos nas últimas semanas, o “escurantismo” e a “falla de transparencia” que hai arredor das ventas das expropiacións que se están levando a cabo no concello. Segundo apuntan “estanse realizando sen publicade, sen darlle a difusión necesaria e sen permitir que toda a veciñanza opte as mesmas en igualdade de condicións”. Neste senso tamén fan fincapé en que na vila “é vox populi que hai xente vinculada ao Partido Popular que está facendo negocio co urbanismo, trala privatización do servizo, e non o dicimos nós, senón que o sabe todo o mundo e o comenta a veciñanza”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia esíxenlle ao alcalde que “se preocupe máis en facer obras públicas e conseguir subvencións para o municipio, que en orquestrar plans maléficos e tratar de beneficiar aos seus afíns”. Tamén apunta que a expropiación de vivendas en mal estado “é unha boa fórmula para revitalizar a vila e rehabilitalas, pero sempre e cando se publicite como ten que facerse e non con escurantismo para tratar de favorecer intereses espurios”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.