Ribadavia | O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia que ao concello revocáronlle unha subvención da Xunta de Galicia por importe de 40.000 euros para o punto limpo ao carecer do permiso e da licenza de actividade. O PSdeG considera que estamos ante unha “nova chapuza” do equipo do goberno do Partido Popular, que segundo afirman “xa gastaron os cartos da subvención e agora vense na obriga de devolvelos pola súa pésima e neglixente xestión”.
Dende o grupo municipal socialista lembran que en xaneiro de 2021, xa denunciaron a situación na que se atopaba o punto limpo, que se estaba empregando de forma “irregular e temeraria”, ao non contar coa licenza de actividade e cuns informes “demoledores” por parte da Deputación Provincial de Ourense. Dito informe non autorizaba o acceso ao punto limpo dende a OU-0305 ao non empregarse un vehículo patrón axeitado e ao non estar calculadas axeitadamente as distancias de visibilidade, non definida a sinalización a empregar. O informe tamén puña de manifesto que non se limitaban os movementos dos camións, xa que non podían realizarse ao non ter a distancia visible necesaria.
“A día de hoxe e tras 4 anos, o punto limpo segue sen poder funcionar, por mor da mala praxe do goberno municipal do Partido Popular”, denuncian as e os socialistas, xa que tal e como apunta “segue sen licencia e sen corrixir os graves problemas que supón para a circulación de vehículos”. As e os socialistas esixen que “se deixe de enterrar cartos nun punto limpo que é ilegal e se proceda a creación dun novo nun punto axeitado, como podería ser o polígono industrial”. Neste senso tamén apuntan a que “de nada vale realizar investimentos no actual punto limpo, se despois as subvencións que chegan, toca devolvelas, tras gastar os cartos”.
Mentiras
O PSOE de Ribadavia acusa ao alcalde de “mentir descaradamente”, xa que tal e como indican “en 2021 dicía que a licenza da Xunta tardaría entre 10 e 12 meses e que xa había un informe favorable da Deputación para a entrada e saída de vehículos, pero non sabemos se a licenza se extraviou e se o informe era verídico, posto que catro anos despois, o punto limpo segue sen pórse en funcionamento”.
Para as e os socialistas, esta é unha mostra máis de que “estamos ante o goberno municipal que peor xestiona os recursos públicos de Ribadavia” e apuntan a que “nin tendo todo a favor con gobernos na Xunta e na Deputación da súa propia cor política, son capaces de conseguir subvencións, e cando as conseguen, toca devolvelas como aconteceu nesta ocasión”.
A situación ilegal do punto limpo, súmase tamén a “deplorable” imaxe que amosa, xa que tal e como apuntan as e os socialistas “no exterior acumúlanse diferente mobiliario, sen que ninguén o retire e no interior atopámonos tamén con lixo e material tirado polo recinto, sen que se usen os contedores existentes”. Esta situación, en palabras do grupo municipal socialista “é vergoñenta” e da unha imaxe de “total abandono e deixadez” por parte do goberno municipal. Asemade, tamén apuntan a que a acumulación de materiais nas portas do punto limpo “supón un grave problema de salubridade e de seguridade, xa que pode ocasionarse un incendio e estamos falando da presenza de material altamente inflamable”.
O PSdeG-PSOE de Ribadavia fai énfase en que o alcalde “pode vir agora a vender a bombo e platillo outra nova subvención para 2025, pero a realidade e que sen permisos e licenza, o punto limpo non vai entrar en funcionamento, e tocaralle devolver novamente estes cartos”. As e os socialistas esixen “solucións inmediatas” para esta situación e que o PP “deixe de xogar cos recursos públicos da veciñanza”.