
Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense expresa a súa satisfacción pola concesión da Medalla do Parlamento de Galicia á socialista ourensá María Antonia Álvarez Yáñez, en recoñecemento a súa traxectoria política e profesional marcada polo compromiso co servizo público e coa igualdade.
A secretaria xeral da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense e secretaria de Igualdade do PSdeG, Natalia González, pon en valor esta distinción, que non só recoñece “unha traxectoria individual exemplar, senón tamén o papel de tantas mulleres que contribuíron, con esforzo e determinación, ao avance da igualdade e ao fortalecemento da democracia no noso país”.
González asistirá ao acto de entrega da medalla o vindeiro 6 de abril, acompañando a María Antonia nunha data de especial significado, tanto polo recoñecemento á súa traxectoria como pola coincidencia co aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia. Xunto a ela estará tamén a actual deputada autonómica Carmen Rodríguez da Costa, quen fora igualmente secretaria xeral do partido na cidade de Ourense, reforzando así a representación do socialismo ourensán neste acto.
Figura clave do socialismo ourensán
As socialistas destacan que María Antonia Álvarez Yáñez é unha figura clave na historia do socialismo ourensán. Sendo a primeira muller en ocupar a secretaría xeral da agrupación municipal na cidade de Ourense, así como a primeira deputada autonómica socialista pola provincia. Ao longo da súa traxectoria asumiu distintas responsabilidades tanto no Parlamento de Galicia como na vida orgánica do partido a nivel local, provincial e nacional, sendo sempre un referente de traballo, coherencia e compromiso.
Cómpre salientar tamén a súa participación na Conferencia Mundial da Muller celebrada en Beijing en 1995, un fito internacional na loita polos dereitos das mulleres, no que María Antonia representou os valores de igualdade e progreso que definen ao socialismo e polo cal se lle fará entrega da Medalla do Parlamento galego.




