O PSdeG de Ourense homenaxea a Undina Álvarez Pérez, represaliada polos fascistas en 1936

Valorouse ao Concello de Entrimo “referente a hora de dignificar a memoria das vítimas do franquismo”

Entrimo | O PSdeG-PSOE de Ourense homenaxeou na Terrachán, en Entrimo, a Undina Álvarez Pérez, natural da aldea entrimeña de Ferreiros, quen foi asasinada polos fascistas no ano 1936, en represalia polas súas ideas republicanas. Un acto moi emotivo, de lembranza e de recoñecemento a unha persoa que foi fiel as súas ideas e que pagou isto mesmo coa súa vida.

No acto participou o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, o secretario provincial de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión, e o mestre e cofundador da AMD-CAO, Xosé Lois Gómez. Un acto que estivo co-organizado polo PSdeG-PSOE de Ourense, Xuventudes Socialistas e a Asociación de Memoria Democrática Campo de Aragón de Ourense. Tras as intervencións, realizouse unha ofrenda floral na Sobreira, no monolito ás vítimas do fascismo e o franquismo.

Undina Álvarez Pérez foi detida en Entrimo e trasladada a prisión de Bande, que foi habilitada coma unha improvisada e desorganizada cárcere de mulleres. Aló sufriu constantes palizas, humillacións e torturas psicolóxicas. Non tivo ningún tipo de xuízo e foi acusada de colaboradora e rebelde contra o novo réxime. A mañá do 30 de setembro de 1936 foi fusilada no antigo cartel de San Francisco, coñecido a día de hoxe como Campo de Aragón.

Durante a homenaxe púxose en valor ao Concello de Entrimo “referente a hora de dignificar a memoria das vítimas do franquismo” e destacouse que “énchenos de orgullo acompañalos neste día e ter co-organizado este acto”. Tamén sinalaron que “hoxe estamos aquí para lembrar a unha vítima do franquismo e ao resto de persoas que pagaron coa súa vida o seu compromiso cunhas ideas”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.