O Programa “Nadal en Galego” levará O Apalpador a 46 Concellos pontevedreses

Grazas á iniciativa da Deputación de Pontevedra

Pontevedra | O Apalpador, a tradicional figura do Nadal na Galiza, visitará este ano 46 concellos da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’. O departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega concedeu a actuación a todos os municipios que o solicitaron.

Están concedidas as actuacións a: Marín, Bueu, Cangas e Moaña no Morrazo; Cambados, A Illa, Vilagarcía, Meis, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo no Salnés; Pontecesures, Portas, Cuntis e Caldas na comarca de Caldas; Dozón, Agolada, A Estrada, Forcarei, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro e Lalín no Deza-Tabeirós; Salceda de Caselas, O Porriño, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Soutomario e Mos na área de Vigo; Poio, Barro, A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade na comarca de Pontevedra; Oia, Gondomar, e Nigrán no Val Miñor; A Cañiza, Salvaterra de Miño, As Neves, Ponteareas, Mondariz , Mondariz- Balneario e Arbo no Condado-Paradanta; e Tomiño, e Tui no Baixo Miño.

O número de visitas do Apalpador foi multiplicándose nos últimos exercicios debido ao éxito de público acadado nas actuacións. Nos vindeiros días concretaranse as datas e horarios para cada localidade, que se publicarán na web depo.gal. As primeiras xornadas, entre o 19 e o 22 haberá actividades –pasarrúas ao aire libre ou actuacións en espazos pechados- só pola tarde ao haber aínda clases polas mañás, pero de maneira xeral haberá dous eventos pola mañá e dous pola tarde ata o 4 de xaneiro (salvo os días de Nadal e Aninovo).

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, ‘O Apalpador’ representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.

III Ciclo de conferencias “Aida Fernández Ríos”
O III Ciclo de conferencias “Aida Fernández Ríos”, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, chega esta semana aos centros educativos da provincia con cinco coloquios adaptadas ao público mozo. Deste xeito, arranca o segundo bloque do programa que espallará a ciencia ata o 13 de decembro entre o alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato e da rama sanitaria de FP dos concellos Caldas, Lalín, Cangas, Vigo e Baiona, da man de persoas referentes en distintos eidos científicos.

As charlas comezarán este xoves 17 no IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis) cunha conferencia titulada “Tris-Tras coas matemáticas o terás” a cargo de María Vctoria Otero Espinar, catedrática de Análise Matemática da Universidade de Santiago de Compostela, vicepresidenta da Real Sociedade Matemática Española. Nela falarase fitos das matemáticas que contribúen a facer do mundo un lugar mellor. Nesta charla mostraranse algúns destes feitos que teñen que ver cos avances da ciencia e da tecnoloxía ou a organización das nosas sociedades.

O día seguinte, María Teresa Moreira Vilar, catedrática de Enxeñería Química do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela, estará co alumando de 1º e 2º de bacharelato do IES Laxeiro (Lalín) para deixarlle claro á mocidade que a auga residual é, en realidade, un recurso valioso.

No coloquio “Auga residual: de residuo a recurso” búscase informar acerca dos cambios que sufriron as plantas de tratamento de augas residuais ao incorporar novos avances tecnolóxicos.

O venres 25 de novembro o IES Primeiro de Marzo (Baiona) acollerá unha charla que porá o foco na “Ciberseguridade: que son os piratas informáticos e por que precisamos deles”. A conferencia correrá a cargo de Manuel Caeiro Rodríguez, doutor en Enxeñería Telemática da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, para explicar como os hackers éticos traballan para empresas atacando os seus propios sistemas informáticos co obxectivo de determinar cales son os seus puntos vulnerables, para así poder fortalecerse e evitar ataques realmente maliciosos.

Xa na última data de novembro, o mércores 30, a rapazada de 3º da ESO do IES Monte Carrasco (Cangas) acudirá á charla “Microalgas: microbios que fan funcionar o planeta en segredo”, da man da catedrática de Microbioloxía da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, M.ª Ángeles Cid Blanco.

Nesta conferencia falarase das microalgas, descoñecidas para a maioría das persoas, que son organismos diminutos e incribles. Sosteñen a vida nos océanos formando o fitoplancto, cultívanse para obter alimento, utilízanse en acuicultura, son unha fonte de biocombustibles, entre outros usos aínda que a súa actividade está en perigo por mor da contaminación.

O último dos coloquios terá lugar o martes 13 de decembro no CPR Aloya (Vigo) no que os alumnos da rama de saúde de FP coñecerán os novos avances da xenética forense e as posibilidades desta ciencia na resolución de casos de criminalística biolóxica.

A charla “Testemuñas silenciosas: o que o ADN nos conta dun feito criminal” correrá a cargo de M.ª Victoria Lareu Huidobro catedrática de Medicina Legal e Forense e directora do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela.

Con estas charlas péchase a terceira edición do ciclo que rende homenaxe co seu nome á bióloga viguesa Aida Fernández Ríos e que xa desenvolveu oito conferencias destinadas ao conxunto da cidadanía entre os meses de maio e xuño.

Nelas versouse sobre a enfermidade do alzhéimer, a intelixencia artificial ou como afronta a poboación o cambio climático, temas cos que se busca espertar o interese do gran público sobre cuestións de actualidade científica con repercusión social e impulsar así, o labor científico en Galicia.