Parece que pouco a pouco, algúns xornalistas empezan a sacar artigos onde se aprecia un intento para que a opinión pública se poña en garda contra actitudes que permítense en países democráticos, aínda que acarrean un perigo inmenso.
En xeral, en Europa, os partidos que proclaman consignas fascistas, aínda non teñen poder dabondo para poñelas en práctica, e a maioría das veces as persoas que as predican e os métodos que utilizan disfrázanse con pel de ovella. Mais se miramos ó que xa está acontecendo nos EEUU, é para votarse a tremer, e iso nun país que se di curtido na democracia e que foi exemplo en moitos aspectos, e onde o Presidente actual gañou lexitimamente unhas eleccións.
Este Presidente na política que exerce, parécese cada vez máis a Hitler, e por riba non trata de ocultalo. Citarei algúns exemplos: crea unha falsa paz en Palestina sen contar cos palestinos, despois de darlle todo o armamento que quixo Israel e permitirlle o maior xenocidio do século XXI, que aínda que estaba precedido dunha salvaxe actuación de Hamás, este feito tiña algunha xustificación por como tiñan sometidos os xudeus ós palestinos.
“Este Presidente na política que exerce, parécese cada vez máis a Hitler, e por riba non trata de ocultalo”
Tódolos países do mundo que non acepten as súas consignas son os seus inimigos e para intimidalos utiliza o exército, a CIA, os aranceis, ou intervén nas eleccións de eses países financiando ós candidatos afíns, ou prometéndolle subvencións, se gañan os seus amigos. Despreza, suprime, ou baixa a súa participación en tódolos organismos internacionais: ONU, UNESCO, OMS, Asociación para reducir os efectos do clima, etc. Ataca países como Irán con falsas desculpas. Como os piratas, aborda e rouba a carga de petroleiros e funde pequenos barcos cos seus tripulantes dentro, coa desculpa de que transportan drogas, saltando todas as leis. Secuestra dirixentes de países co argumento de que son dirixentes corrompidos, e posiblemente o sexan, aínda que o mesmo tempo apoia a outros, moito máis corruptos. Intenta apoderarse de comunidades autónomas sen ter en conta a opinión adversa dos seus habitantes nin a orde mundial. E xa, o que é o colmo, apoia con moitos cartos ó ICE, -unha especie de Xestapo- no propio EEUU, para encadear e meter en algo semellante a un campo de concentración, ou expulsar do país, á xente que detén pola rúa, ou na súa propia casa sen orde xudicial, e moita xa coa nacionalidade do Estado, simplemente por ter a pel escura, ou sospeitar que non é norteamericana.
Pois todo isto moita xente aínda o aplaude, e nalgúns lugares como Arxentina triunfa, e en España tamén se lles ve as intencións os seus adeptos. Así que non so a esquerda senón tamén o centro-dereita democrática, deberían facer unha piña internacional para librarnos dese perigo que non é nin mais nin menos que librarnos do fascismo. Ninguén debería esquecerse que o fascismo non entrou en Alemania por un golpe de Estado, gañou unhas eleccións, e despois dende o poder, Hitler conduciu os alemáns a un desastre total. Agardemos, que no propio EEUU, polo ben da humanidade, onde hai aínda moitas institucións demócratas, superen este período negro da súa historia canto antes.




