Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, reivindicou hoxe na Comisión de Deputacións organizada pola Federación Española de Municipios e Provincias, a necesidade de “eliminar ou flexibilizar as regras fiscais” reactivadas polo Goberno de España que impiden ás entidades locais empregar o seu superávit nas necesidades de cada territorio. Unha situación que na provincia de Ourense se ve agravada trala vaga de lumes que afectaron a numerosos concellos ourensáns este verán.
Tralo remate de reunión, Menor explicou que o financiamento das entidades locais e provinciais foi un dos temas centrais a tratar no encontro. Ademais, analizaron cuestións de interese para a provincia de Ourense como son “o reto demográfico e o despoboamento ou a lei de benestar animal e a súa necesidade de financiamento”.
En definitiva, o presidente provincial salientou a importancia deste tipo de encontros que permiten “poñer en común temas e eivas de interese común no ámbito local e achegar posibles solucións”, xa que na meirande parte dos casos, as entidades locais afrontan os mesmos retos e desafíos na súa xestión diaria. Na foto Luís Menor, segundo pola esquerda, presidente da Deputación de Ourense.