
Salamanca | O presidente da Deputación de Ourense e presidente da Sección de Vilas Termais da FEMP, Luís Menor, participou hoxe en Vega de Tirados (Salamanca) na inauguración do XVIII Encontro-Asemblea de Vilas Termais, onde avogou por impulsar entre todos un termalismo “máis forte e máis inclusivo, que beneficie á saúde física e emocional do maior número de persoas”.
Na inauguración estivo acompañado polo alcalde de Vega de Tirados, Javier Calvo; polo presidente da Deputación de Salamanca, Francisco Javier Iglesias; pola subdelegada do Goberno de Salamanca, Rosa María López; e do presidente do Montepío e Mutualidade da Minería Asturiana (Balneario de Ledesma), Jesús Armando Fernández.
Cinco liñas de traballo
Luis Menor formulou cinco eixos de xenéricos de traballo para os vindeiros doce meses. Estas liñas de traballo están dirixidas ao desenvolvemento de accións de colaboración con outras seccións da FEMP, impulsar a mellora da accesibilidade cognitiva dos balnearios das Vilas Termais, promocionar a investigación e o coñecemento científico en colaboración con outras entidades, perseguir o desenvolvemento de fórmulas de promoción dixital da rede, e ampliar dita rede coa incorporación de novas entidades locais como coa creación da figura da “entidade colaboradora” da sección que xa existe noutras da FEMP.
Programa da xornada
Nun repaso polo traballo realizado pola Sección de Vilas Termais, liderada por Luis Menor, adiantou que neste encontro realizarase unha reflexión colectiva de alcaldes e alcaldesas de catro Vilas Termais de diferentes comunidades autónomas.
Tamén terán o seu propio espazo no programa entidades provinciais para expoñer as súas estratexias enfocadas ao aproveitamento do termalismo, tanto no deseño de políticas sociais como nas de promoción turística.
Desde o ámbito investigador inclúese un relatorio do Consello de Seguridade Nuclear que se encargará de analizar as implicacións que ten para os integrantes desta Sección a nova normativa sobre o radon. Tamén desde o ámbito investigador da Universidade coñecerase como a normativa afecta ao termalismo e como se podería avanzar nesta materia. E, completarase o programa, con intervencións de destacados profesionais da xestión empresarial dos balnearios, da hidroloxía médica e da administración pública. Na foto Luís Menor, primeiro pola esquerda.
—




