“O presidente Alfonso Rueda é un gran coñecedor da Galicia Exterior”

Antonio Rodríguez Miranda | Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia

Antonio Rodríguez Miranda (Allariz, 1967) ten desde 2012 a responsabilidade de dirixir a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Con el falamos da nova etapa que se presenta para a Galicia Exterior con Alfonso Rueda na presidencia do goberno galego.

A Xunta de Galicia inicia unha nova etapa con Alfonso Rueda na presidencia. Manterase a mesma liña de actuación dende a súa Secretaría Xeral?
Si, evidentemente. O actual presidente é un gran coñecedor da Galicia Exterior porque nas súas anteriores responsabilidades sempre estivo moi cerca dos emigrantes galegos, visitándoos a miúdo. Mantén así ese espírito de apoio que xa é unha realidade dende a época de Gerardo Fernández Albor. O noso traballo segue a selo mesmo: apoiar aos galegos de exterior que se atopan nunha situación complexa, estar sempre ao carón dos centros e casas de Galicia e traballar en prol do retorno.

Que balance en materia de relación coa Galicia Exterior pode ofrecernos sobre a etapa Feijóo ao fronte da Xunta?
As cifras o din todo: a etapa de Alberto Núñez Feijóo supuxo un impulso ás políticas de retorno a través da posta en marcha da Estratexia Retorna en 2018 que permitiron que, ata o de agora, superemos os 25.000 retornados nos últimos anos. Tamén foi unha época de traballo moi intenso cos nosos galegos do exterior, especialmente dende 2020, cando a pandemia agravou situacións delicadas dalgúns dos nosos galegos en países cunha capacidade máis reducida para enfrontar a crise sanitaria.

“A etapa de Alberto Núñez Feijóo supuxo un impulso ás políticas de retorno a Galicia”

Xacobeo 21-22. Que proxectos se están levando a cabo dende a súa Secretaría Xeral co respecto á difusión nos centros galegos do exterior?
Levamos dous anos a traballar de xeito intenso coas entidades, facilitándolles información, axudándolles a organizar eventos de promoción do Camiño, apoiando as súas iniciativas e coa nosa presenza, pero tamén agradecéndolles a súa implicación, que está a ser moita, para levar o nome do Camiño ao longo de todo o mundo. De feito, máis dun centenar de entidades son xa oficialmente centros promotores do Camiño de Santiago, o que nos enche de orgullo.

O Congreso dos Deputados acaba de aprobar a supresión do voto rogado. Isto implica cambios na participación electoral para a diáspora. Que nos pode comentar sobre isto?
Para nós, como Goberno galego, esta reforma supón unha verdadeira satisfacción xa que eliminará o requisito de rogar o voto, que era unha demanda histórica dos galegos do exterior. Deste xeito, apóstase por un sistema áxil, seguro e transparente para facilitar o acceso ao voto a tódolos galegos residentes fora de Galicia. É de xustiza que se aposte por un procedimento que facilite a participación sen minguar as garantías.

Este 9 de xullo é o Día da Galicia Exterior. Un día antes convocarase a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas. Como observa a implicación da diáspora galega nestes organismos?
De xeito moi positivo, porque é evidente que sen a súa colaboración non poderíamos conseguir todo o que estamos a por en marcha nos últimos anos. A súa implicación é esencial porque eles son os que mellor coñecen as necesidades que xorden en cada momento en cada país, e os que poden ir dándonos as pautas de mellorar nos aspectos que máis se necesitan.

É evidente que existen cambios xeracionais na diáspora galega. Dende a súa Secretaría Xeral, que programas estanse acometendo para implicar a estas novas xeracións na súa relación con Galicia?
Somos conscientes de que existen eses cambios xa que, en América e Europa, moitos dos nosos galegos son xa persoas nadas naqueles países. Estamos a levar a cabo unha importante transformación dixital dos nosos contidos e das nosas actividades para que se sentan máis integrados, e tamén estamos a contar con xente nova moi implicada, do que Berlín pode ser un moi bo exemplo de nacemento dun centro galego pequeno nunha cidade na que tradicionalmente non existía.

Tamén está o tema do retorno, cos consecuentes cambios demográficos para Galicia. Que programas específicos leva a cabo a súa secretaría Xeral nesta materia?
Un dos máis importantes é sen dúbida a creación da Oficina de Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, a través da cal informase, acompáñase e apóiase ao retornado. Os nosos programas enfócanse directamente en 3 eidos: a formación a través das bolsas de Excelencia Mocidade Exterior Beme para atraer aos mellores expedientes do exterior ás nosas universidades e así fixen a súa residencia en Galicia para traballar e emprender; o propio emprendemento a través do apoio aos retornados que poñen en marcha as súas iniciativas empresariais; e o apoio social, de cara a aportar unha axuda a quen, tralo seu retorno a Galicia, necesite un reforzo económico transitorio.

“A Xunta leva moitos anos traballando coas entidades galegas do exterior para que Galicia se constrúa en todo o mundo”

En perspectiva global, pode Galicia constituírse nun referente a nivel internacional en materia de relación coas diásporas?
Por suposto. O Goberno autonómico leva moitos anos traballando coas entidades galegas do exterior, e elas con nós, para que Galicia se constrúa en todo o mundo, dende Nova Iork ata Caracas, Berlín ou Sevilla. As nosas liñas de apoio e axuda aos nosos residentes no exterior están a ser, de feito, pioneiras e, en moitos casos, incluso referencia para outras comunidades autónomas e o propio Goberno Central. Ademais, contar con medio millón de galegos no exterior, cun sentimento tan forte de pertenza, arraigo e cariño a Galicia é unha oportunidade única para a nosa terra, xa que nos axuda a ser máis competitivos, non só no económico, senón tamén no industrial, no turístico e no propio coñecemento.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.