O PPdeG estigmatiza á Galicia alternativa.

Cadernos de viaxe

Galegos e galegas temos a grande sorte de que, neste país e institucionalmente, Vox non exista. Nos últimos procesos electorais estatais e locais de 2023 e nacionais galegas e europeas de 2024 non quitou un só representante, agás a concelleira de Avión que liscou de semellante partido antes dun ano de mandato.

O que tiña que ser unha vantaxe democrática arestora xa non o é. Porque o PPdeG, que goberna a Xunta e máis, pola mínima, as Deputacións de Pontevedra e Ourense, está a desenvolver un proceso multifronte: para recuperar gobernos locais nos que perdeu as alcaldías e pode recuperalas agora con concellerías tránsfugas, para deslexitimar á posición, nomeadamente nacionalista-soberanista e, secundariamente, socialista no Parlamento de Galicia e máis para desprestixiar primeiro e, despois, deslexitimar á oposición galega, aos gobernos locais alternativos e máis ás persoas creadoras de contidos nas redes e opinións nos medios diverxentes a respecto do PP. Un proceso no que está a tensionar a vida política galega, a da maioría dos seus concellos e mesmo a súa vida social e na que copia do modelo extremista e polarizador de Vox.

Con Feijóo á fronte do PP estatal e con Rueda á fronte do PP nacional, afondando cualitativamente no ronsel feijoniano de lle facer oposición á oposición e de lle botar a culpa de todo aos demais, nomeáronse persoas tan desaqueladas a respecto de proxectos demócratas, centristas e europeos como a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado ou o secretario xeral do PP estatal, Miguel Tellado. Un PPdeG no que sobrancearon antes persoas tan dignas e demócratas como o antigo secretario xeral Xesús Palmou ou o antigo voceiro parlamentario galego Pedro Puy e que, xa que logo, enfrontou unha moi substancial remuda que o afasta de vez do centro-dereita europeo achegándoo ao extremismo de Vox ou de Chega.

“Na vida local este xiro extremista albíscase nas mocións de censura que substituíron as alcaldías acadadas polo BNG ou por outras forzas progresistas en Ribeira, Outes, Fisterra, Carral ou Touro”

Na vida local este xiro extremista albíscase nas mocións de censura que substituíron as alcaldías acadadas polo BNG ou por outras forzas progresistas en Ribeira, Outes, Fisterra, Carral ou Touro. Ao tempo líderes populares locais, como os de Compostela, Pontevedra e Lugo (Vera, Dominguez e Candia) teiman nunha estratexia de deslexitimar, no seu exercicio e até mesmo na súa orixe, aos gobernos locais das devanditas cidades, botando man de tácticas polarizadoras máis achegadas ao trumpismo e ao bolsonarismo ca a das oposicións democráticas europeas. Mentres, o PPdeG impón en Ourense remudas orgánicas no seu liderado do grupo municipal para consolidar a catástrofe do goberno local de Jácome.

Mais esta enxurrada, propia de partidos autoritarios, non se da só no Parlamento de Galicia e nas Cámaras municipais, senón que se está a desenvolver contra os creadores de contidos e opinións políticos e sociais alternativos á ideoloxía dereitista e españolista do PPdeG, quer nas redes sociais, quer nos propios medios de comunicación tradicionais. Impresiona, nomeadamente, como son estigmatizadas (mesmo ás veces en directo ou case en directo) opinións non só a prol da soberanía galega ou do substancial incremento do noso autogoberno, senón da nosa autoxestión enerxética ou adopción da tarifa galega, da recadación galega de todos os tributos para garantirmos un bo financiamento, da compatibilización da produción eólica en Galicia cun pacto xusto coas comunidades territoriais que a aturan ou coa remunicipalización de determinados servizos básicos.

Ademais, este clima está xa a chegar ás redes sociais, aos centros escolares dende a inspección educativa, ás entidades cívicas, ás rúas e ás parroquias (xusto é recoñecer que hai lugares na Galicia que levan sufrindo este clima máis de 40 anos) e comezan degradar relacións persoais e de convivencia. Semella que este clima pode deteriorar a convivencia democrática, porque, dende logo, a nova Galicia alternativa é dificil que ature esta caste de presións antidemocráticas.

Aínda estamos a tempo de tentar afortalarmos a convivencia democrática na Galicia. Mais teño para min que a dirección nacional galega do PP arestora non ten este obxectivo na súa axenda.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.