A Gudiña | O deputados do Partido Popular pola provincia de Ourense, Celso Delgado e Ana Vázquez, presentaron no Congreso senllas iniciativas nas que poñen de manifesto os problemas de accesibilidade que sofren os usuarios da estación de alta velocidade da Gudiña, “Porta de Galicia”, que deben percorrer un treito por estrada para chegar a pe á terminal e salvar unha rampla cun 6 % de desnivel para acceder á plataforma.
A nova estación experimentou un notable aumento no número de viaxeiros desde a súa inauguración e a posta en funcionamento da liña de alta velocidade Madrid-Galicia, a finais do pasado decembro, destacan os deputados ourensáns, “polo que transcorridos cinco meses desde entón resulta incomprensible que aínda non se procedera á execución das melloras de accesibilidade”, atendendo ás queixas dos usuarios e á solicitude formulada pola Xunta de Galicia e o propio Concello.
En concreto, os representantes do PP reclaman dous proxectos: a continuidade da senda peonil que parte desde o casco urbano ata a nova terminal, e a instalación dun ascensor para acceder á plataforma.
Polo que respecta á primeira demanda cómpre sinalar que a nova estación de alta velocidade está situada nas aforas da poboación. Para facilitar o acceso aos viaxeiros, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade construíu unha senda peonil pola marxe esquerda da estrada OU-533, pero esta só chega ata as proximidades da terminal pois debe ser Adif a que lle dea continuidade nos terreos da súa propiedade. Xunta e Concello, sinalan Delgado e Vázquez, “xa trasladaron esta cuestión ao administrador ferroviario, sen obter polo de agora resposta positiva algunha”.
Pero os viaxeiros “non só se ven na obriga de transitar sen protección ao carón da estrada, o que resulta aínda máis perigoso durante a noite”, senón que ao chegar á terminal teñen que salvar unha longa rampla cun 6 % de desnivel, “tanto as persoas con mobilidade reducida como os usuarios que veñen cargados coas súas equipaxes”.
A solución está nun ascensor “para cuxa instalación xa quedou construído o oco necesario”. É dicir, “un investimento alcanzable de case 70.000 euros en comparación co custo da estación, de preto de 4 millóns de euros”.
A nova estación da Gudiña atópase a pouco máis de 75 quilómetros de Ourense e atende a crecente demanda de viaxeiros non só procedentes das comarcas de Monterrei e Valdeorras, senón tamén do distrito portugués de Tras-Os-Montes próximo a Chaves, e de Vila Real, converténdose así tamén en parada para os destinos termais de Verín, Chaves, Vidago e Pedras Salgadas.
Adif-AV aprobou a licitación desta terminal de alta velocidade en setembro de 2018, tomando o nome de “Porta de Galicia”. A adxudicación das obras produciuse en abril de 2019 por un importante de 3,2 millóns de euros, cantidade que se ampliaría despois en preto de 650.000 euros máis. A estación foi inaugurada polo rei Filipe VI o 20 de decembro do pasado ano, coincidindo coa viaxe inaugural do AVE a Galicia.