Tui/PPdeG | O grupo municipal do PP de Tui vén de solicitar a anulación do préstamo de 3.176.793 euros que o Concello pretende contratar co Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Goberno de España, para a renovación soamente de 4.721 luminarias.
Os populares consideran que este crédito é excesivamente gravoso para unhas arcas municipais xa debilitadas e reclaman ao goberno socialista que rectifique esta medida —aprobada en pleno co apoio do BNG— e busque solucións alternativas que non supoñan máis débeda nin comprometan a estabilidade orzamentaria.
O PP deixou claro que apoia a modernización do alumeado e as medidas de eficiencia enerxética, pero lamenta que o executivo local non aproveitase as anteriores convocatorias de axudas a fondo perdido, das que si se beneficiaron outros concellos da provincia.
“Chegados a este punto, o goberno escolleu a vía máis fácil, a do préstamo, pero tamén a máis custosa e prexudicial para as contas municipais. Esta decisión suporá axustes en servizos e investimentos, e afectará á estabilidade financeira do Concello”, explican desde o grupo popular.
O voceiro municipal, Nico Montes, advertiu que a renovación do alumeado mediante un préstamo a pagar en dez anos ao que se engadirán outros 130.482 euros anuais durante 8 anos mais para completar a amortización “é un erro de planificación grave”.
“Despois de dez anos, as luminarias estarán obsoletas e deterioradas, e haberá que volver investir. Mentres tanto, o Concello seguirá pagando un préstamo que nin sequera garante unha actualización tecnolóxica continua”, subliñou Montes.
O edil popular lembrou ademais que o Concello “actúa sen unha análise técnica seria nin unha planificación global, nun contexto de remanente de tesourería xa moi reducido que non chega ós tres millóns de euros, e que está en constante descenso”.
Como alternativa, o PP de Tui propón seguir o modelo de Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE), un sistema moito máis eficiente e sen riscos, que permite modernizar o alumeado e o resto de instalacións enerxéticas sen investimento directo nin incremento da débeda.
Neste sentido, puxeron como exemplo o Concello do Porriño, que optou por este modelo integral de xestión e inclúe non só as luminarias, senón tamén o consumo enerxético de todos os edificios municipais, pavillóns, centros educativos e mesmo os sistemas de calefacción e gasóleo.
A empresa adxudicataria realizará unha inversión inicial de 9 millóns de euros para a modernización completa do sistema enerxético do municipio, e o Concello limítase a pagar o mesmo custe que está pagando na actualidade e que cobre todos os consumos e mantemento, sen endebedarse nin asumir risco financeiro ningún.
“Non falamos só de cambiar bombillas, senón dun proxecto integral que mellora o aforro, moderniza instalacións e garante tecnoloxía actualizada durante anos, sen hipotecar o futuro das contas municipais”, destacou Montes. Finalmente, o voceiro popular cualificou esta decisión como “un novo episodio de xestión ineficaz e improvisada do PSOE tudense”, e anunciou que o PP estuda presentar alegacións formais contra o crédito aprobado en pleno agora que se abriu o período de exposición pública. Montes concluíu afirmando que “Tui non pode seguir hipotecándose por falta de planificación. O futuro económico do Concello non se pode xogar a crédito”.