O Porriño destaca na educación

Carla Martínez consegue a maior nota na ABAU; Camilo Cancela, de 53 anos, aprobou a ESO nun mes

O Porriño | O Porriño consegue altas cotas de calidade na educación. Carla Martínez Saborido, veciña do Porriño, obtivo un 13,92 sobre 14 na ABAU celebrada os días 4, 5 e 6 de xuño, a mellor nota de Galicia, a terceira mellor nas asignaturas troncais cun 9,92 sobre 10. Carla, xunto cos seus pais, foi recibida esta mañá na Casa Consistorial polo alcalde, Alejandro Lorenzo, que lle deu un obsequio en recoñecemento á súa excelencia educativa.
Carla estudiou Bacharelato no centro educativo Los Sauces, no que conseguiu Matrícula de Honra en 1º e 2º na modalidade de Social. Agora o seu futuro inmediato está en Ourense, onde comezará o grao en Relacións Internacionais, da UVIGO, para intentar ser diplomática nalgún país de Europa ou traballar no Parlamento da UE.

A súa disciplina axudou a Carla a levar o curso ben desde o primeiro día. Ao salir das clases, descansaba un pouco e xa estudaba ata a hora de cenar. Sabía que, entre o traballo das clases e o repaso diario na casa, podía conseguir unha boa nota. Desde o principio de curso practicaron os modelos de exames da ABAU e non foi demasiado nerviosa aos exames, aínda que “Galego era a materia que menos dominaba, e foi o primeiro exame. Nunca pasara dun 9 nas clases e a miña sorpresa foi que tiven un 9,25 na ABAU. Despois dese exame, xa estaba máis tranquila”.

“Non son de saír moito, pero os venres quedaba cos meus amigos e algún que outro fin de semana. Non todo é estudar, pero sí que hay que estar moi concentrado”, engade Carla.
O alcalde desexoulle “toda a forza para seguir adiante co seu propósito, que non é carreira fácil, aínda que está claro que conta con moito tesón e cualidades para chegar a onde queira. Aquí, ten no Porriño, a súa casa e sempre a recibiremos con agarimo e orgullo”.

Sacar a ESO nun mes
Outro caso salientable é Camilo Cancela. En apenas 30 días, Camilo, aos seus 53 anos e traballando desde os 16, preparouse a ESO nas instalacións da UNED no Porriño e aprobou o pasado 7 de maio. Foi un esforzo conxunto de profesores e alumno, que traballaron tanto os contidos educativos, como técnicas de estudio e de exame.

Camilo é un traballador acérrimo, que percorre Europa en viaxes de traballo, pero aínda así, veía que non podía avanzar, que necesitaba a ESO para moitas ofertas laborais ou incluso formacións nas que se require esta titulación. Camilo ten unha FP Básica en Electrónica e Telecomunicacións que, nada máis rematar, fíxolle atopar traballo do seu e non continuou formándose. Agora, con 53 anos, coincidindo que tiña 30 días dispoñibles xusto 5 semanas antes do exame, inscribiuse no curso “para tomar contacto e ver como sería sacalo”, pero co tesón de ter “30 días e teño que poñer ata o último alento”.

Camilo confesa que “había materias que me costaban máis, como matemáticas ou física, pero pensaba que si superaba a parte científica o resto o sacaba”. E así foi. Practicou facendo exámenes de anos anteriores que atopou en internet, porque “hai preguntas trampa”. Estudou ata o día do exame, “non durmín nada, ata as oito da mañá que marchei, e seguín repasando entre exámenes”.

Mar Pumarega Cereijo, profesora do ámbito científico-tecnolóxico da ESO na UNED, viu desde o primeiro intre a capacidade de Camilo e o seu esforzo. Así que o apoiou xunto cos outros alumnos. Ademais das vías habituais de comunicación, Mar formou un grupo de WhatsApp onde enviaba contido, exercicios e resolvía dúbidas. Mar recoñece que “non é fácil aprobar a ESO por libre. Esforzámonos por ambas partes e ao final obtuvemos o fruto”. “Eu”, prosegue, “animo aos meus alumnos a que non se queden ahí, que segan formándose facendo ciclos medios e superiores”. E esa é precisamente a intención de Camilo que xa preguntou para seguir formándose e na empresa na que traballa lle teñen que deixar acudir aos exames se avisa coa antelación estipulada. Agora está nunha “inercia positiva que hai que aproveitar. Non vou deixar parar esta roda, vou seguir estudando! A tope!”

Ambos os dous, Camilo e Mar, coinciden en que esto é froito dun traballo en equipo. É preciso que o teu círculo cercano te comprenda e apoie. “O que non podes pretender é que sen esforzo haxa resultado”, salienta Camilo. “Ás veces, precisamos dun empuxón, máis que dunha palmadiña nas costas”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o director da UNED de Pontevedra, Víctor M. González, acompañados polos profesores que deron clase a Camilo recibírono onte para entregarlle un obsequio do Concello en recoñecemento “ao esforzo e capacidade de superación de Camilo”. O rexedor animouno a “non deixar que esa inercia positiva da que fala pare nunca e siga marcándose metas e cruzandoas con éxito”.

A intelixencia artificial, a debate
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o director do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Victor Manuel González, inauguraron onte o curso de extensión universitaria sobre a aplicación da intelixencia artificial no eido educativo, acompañados pola directora do curso María del Mar Román e a concelleira Rosa Isabel Alonso.

“Intelixencia Artificial en educación: desenvolvemento profesional e aplicabilidade na aula” convida ao alumnado a introducirse e reflexionar sobre o papel da IA no contexto educativo. A través dunha serie de ponencia se estudos de caso, os participantes mergullaranse no mundo da intelixencia artificial entendendo os seus fundamentos e explorando o seu potencial para enriquecer a ensinanza e a aprendizaxe.

O programa non se centra na especialización técnica, senón en abrir un diálogo sobre as oportunidades, desafíos e consideracións éticas que a IA presenta neste eido. Os educadores que participan familizaranse con experiencias reais de implementación na aula para poder adaptalas aos seus propios contextos educativos. “Este curso pretende ser un primeiro paso para aquelas persoas interesadas en comprender a IA e o seu impacto na educación, promovendo unha actitude crítica e creativa cara a súa integración no proceso educativo”, explicou o responsable da UNED Pontevedra.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, deu a benvida ao Porriño aos/as estudantes e agradeceu unha vez máis a aposta da UNED pola vila “xa que ofrece un gran abano de posiblidades de crecemento persoal para a veciñanza do Porriño e tamén unha enorme oportunidade para o noso tecido empresarial”.